Santiago, 16 de novembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que o proxecto de orzamentos do Estado para 2021 “non dan resposta aos problemas da economía española, porque teñen unhas bases pouco sólidas, cunha previsión de evolución do PIB excesivamente optimista e un exceso de previsión do que se prevé recadar cando a pandemia aínda non está superada, senón que vemos que está a xerar ondas que limitan a capacidade produtiva da economía”.
Pedro Puy incidiu en cualificar aos orzamentos do Estado como “irreais” e explicou que “a previsión de ingresos non se vai cumprir e o Estado vai incorrer ou ben en máis déficit ou será incapaz de facer máis gastos, como a necesidade de facer máis ERTEs”.
Neste sentido, apuntou que a previsión de financiamento de novos ERTEs para o vindeiro ano que se prevé nos orzamentos “é insuficiente, dado o impacto da pandemia en sectores cunha demanda de traballo intensivo”. En concreto, apuntou que “está prevista unha soa mensualidade, cando todo apunta a que a situación feble da hostalería, do comercio e das actividades relacionadas co turismo vai facer necesario estender este tipo de axudas”.
GALICIA NON É PRIORITARIA
Desde a perspectiva de Galicia, o portavoz popular criticou que “a nosa comunidade non é prioritaria, porque diminúen os investimentos cando a tónica xeral dos orzamento é o incremento destas partidas”. Así, lamentou eivas nos orzamentos para a licitación de novas autovías, como a A-74, a A-76 ou a A-56, así como outras infraestruturas relevantes para Vigo e A Coruña.
Porén, anotou que “a carencia maior son os problemas relacionados coa incorporación de Galicia á rede europea de transporte de mercadorías”. Neste sentido, sinalou que existe “unha aposta clara polo eixo do Mediterráneo, que está ben mentres non supoña preterir o eixo Atlántico, que merece investimentos para a saída sur de Vigo”. “Nos parece fundamental que tanto os portos galegos como a industria galega teñan acceso a estas vías de comunicación en igualdade de condicións que os produtos e as mercadorías que proveñen doutras comunidades autónomas”, sinalou.