Santiago, 10 de outubro de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, insistiu hoxe no Parlamento galego que é “urxente aportar á flota pesqueira que utiliza artes de fondo seguridade xurídica e garantías en relación ás zonas nas que pode realizar a súa actividade e de que xeito”, polo que considerou “imprescindible que desde o Goberno de Pedro Sánchez se axilice a elaboración e presentación do recurso para frear este veto, solicitando a súa suspensión temporal e avanzar na vía da moratoria”.
Pedro Puy manifestou que “unha das cuestións que máis preocupan nestes momentos aos deputados do Grupo Popular é a entrada en vigor do veto á pesca de fondo en 87 áreas de pesca da Unión Europea”. En concreto, manifestou que “esta decisión deixa ao sector nunha incerteza total, vai provocar a concentración de buques en determinados caladoiros e choca de fronte coa explotación sustentable dos recursos que di defender o Executivo comunitario”.
APOIO DESDE TODOS OS NIVEIS
Neste sentido, o portavoz popular agradeceu a numerosa presenza e felicitou aos organizadores “polo éxito da concentración celebrada o pasado sábado en Ribeira, no que quedou claro que todos os galegos estamos detrás do noso sector pesqueiro, amosando o noso apoio para que se presione desde todos os niveis políticos e administrativos na busca dunha solución para o noso sector pesqueiro de arrastre”.
Preguntado sobre as negociacións e os contactos realizados polo Goberno galego en Bruxelas sobre este problema, lembrou a recente comparecencia da conselleira de Pesca no Parlamento galego na que “deu conta dunha folla de ruta a seguir, en constante contacto co sector para conseguir a revisión desta normativa europea”. En concreto, a conselleira asistiu a pasada semana a unha reunión da Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), á que seguirá esta mesma semana unha nova reunión técnica e a vindeira outra política sobre o veto á pesca de arrastre.
Pedro Puy sinalou que “os socialistas galegos deberían ter aprendido que estar en Bruxelas non garante unha boa xestión deste problema” e lembrou que o seu secretario xeral “estivo co comisario de Pesca unhas horas antes de que se aplicase o veto e saíu asegurando que lle sacara o compromiso de revisar as restricións ao arrastre de fondo”, pero aos tres días se confirmou esa restrición.
“Cando un fala de relacións coa Comisión Europea non hai que deixarse levar por optimismos”, sinalou o portavoz popular, quen destacou que a conselleira de Pesca “ten moita experiencia e coñecemento do sector, así como un asesoramento completo tanto da asesoría xurídica da Xunta como de expertos externos na materia, para seguir a folla de ruta marcada que non leva a titulares que aos poucos días desmenten os feitos”.