Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para coordinar unha programación ao redor da figura de Carlos Oroza no ano do centenario do seu nacemento
Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015) foi un poeta e creador galego que conxugou a palabra oral e a escrita coa acción poética en directo.
Oroza non tivo adscrición a ningunha corrente estética en particular e foi, en todos os sentidos, un autodidacta que creou un universo poético propio, fortemente enraizado no substrato galego e español.
Deuse a coñecer nos anos setenta, no ambiente literario e cultural español pola realización de múltiples recitais adscritos en forma e contido aos da xeración Beat. Destacou pola interpretación e performance da súa propia obra, frecuentemente reescrita e baseada en poemas de versos libres con predominio do ritmo, unha poesía elaborada para ser escoitada.
Ao longo da súa vida, foi autor dunha obra reducida en número pero significativa en canto a contido, algunhas das súas achegas foron as seguintes: Eléncar (1974); Cabalum (1980); Alicia (1985); Una porción de tierra gris del norte (1996); En el norte hay un mar que es más alto que el cielo (primeira edición en 1997); La llama prestada
(1998); e Un sentimiento ingrávido recorre el ambiente (2006).
Así mesmo, Oroza participou na fundación da revista Tropos, xunto a Víctor Lizárraga e Victoria Paniagua e outorgóuselle en Nova York o premio internacional de Poesía Underground.
Nos anos setenta, despois de residir en Madrid, Ibiza e Estados Unidos, elixe a cidade de Vigo como a súa localidade de residencia. Ao longo da súa traxectoria, Oroza recibiu diversos recoñecementos e homenaxes, sen embargo, o seu nome e a súa obra aínda é unha gran descoñecida para unha importante parte da poboación galega.
A celebración centenario do seu nacemento, o próximo ano 2023, é unha oportunidade para afondar na divulgación do traballo deste poeta e creador entre a poboación de Galicia.
Polo exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a coordinar unha programación ao redor da figura de Carlos Oroza no ano do centenario do seu nacemento que axude a divulgar a vida e a obra deste poeta entre a poboación de Galicia”