Iniciativa sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España da promoción de accións dirixidas a frear a proposta da Comisión Europea para a modificación da Directiva sobre fiscalidade da enerxía que elimina as axudas aos combustibles do sector pesqueiro
Tanto a Unión Europea coma a Organización Mundial do Comercio están a desenvolver iniciativas en cambios normativos que afectan á imposición de taxas que gravan os combustibles no ámbito da pesca.
Así, no marco da OMC o pasado mes de xullo elaborouse un borrador de acordo dos seus membros que debía ser referendado na Conferencia Ministerial do 30 de novembro ao 3 de decembro de 2021. A loita da OMC contra as subvencións que distorsionen a competencia a nivel global (a pesca ilegal, non declarada e non regulada e a pesca que contribúa á sobrecapacidade) materializouse, entre outros, no art 5 do borrador cuxa redacción actual afectaría directamente á subvencionalidade actual aos combustibles na pesca, o que implicaría grandes custos para a frota galega a futuro que non pode asumir. Este artigo establece que “poden contribuír á sobrepesca” e por tanto, chegar a deixar de ser lexítimas as subvencións como “a compra/cubrir os custos de combustibles”. Aínda que a Conferencia Ministerial aludida pospúxose e o compromiso non se alcanzou polo momento, continúan os traballos neste sentido no marco da OMC sendo por tanto patente a ameaza.
Doutra banda, no ámbito da UE para desenvolvemento do Pacto Verde Europeo, o denominado paquete “Fit for 55 (Obxectivo 55)” prevé a modificación da Directiva sobre Fiscalidade da Enerxía. Os cambios introducidos buscan impulsar a transición a unha enerxía máis limpa e iso pasa por modificar a forma na que se gravan os produtos enerxéticos. Neste senso, prevese eliminar as exencións e incentivos, o que podería conlevar a supresión das exencións ao combustible pesqueiro a partir do ano 2023.
Por todos estes motivos, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que promova accións dirixidas a frear a proposta da Comisión Europea para a modificación da Directiva sobre Fiscalidade da Enerxía que elimina as axudas aos combustibles do sector pesqueiro namentres non haxa unha posición aprobada no seo da OMC ao respecto destas bonificacións”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002476
Nota de prensa: