Solicitude ao Goberno do Estado do cumprimento do cofinanciamento do 50% da Lei de Dependencia.
O 21 de outubro de 2019 a Xunta de Galicia deu a coñecer a Axenda cos asuntos máis urxentes e prioritarios de Galicia que o Goberno de España debía atender nos primeiros meses da por entón incipiente lexislatura. Con esta Axenda Galicia o Executivo galego clarificou, transparentou e publicou as necesidades prioritarias da Comunidade para o Goberno central, con independencia de cal fose a composición do mesmo.
Os 25 asuntos da Axenda Galicia enmarcábanse en cinco eixos: lograr un financiamento máis xusto; cumprir os compromisos adquiridos en canto ás infraestruturas pendentes; defender sectores estratéxicos para a nosa economía, especialmente de tipo industrial; traballar conxuntamente para cumprir cos servizos públicos; e os compromisos do Goberno central para os Anos Santos de 2021, ampliado con posterioridade a 2022, 2027 e 2032.
En relación á mellora dos servizos públicos, resulta indispensable o cumprimento do cofinanciamento do 50% da Lei de dependencia para que a participación das comunidades autónomas e do Goberno central sexa equitativa.
A pesares do aumento da aportación estatal dos últimos exercicios, esta dista moito de cumprir as previsións establecidas na Lei 39/2006, de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, coas dificultades que tal infrafinanciación supón para o conxunto da cidadanía. De feito, se o Goberno de España aportase o mesmo que Galicia, non existiría lista de agarda en dependencia.
Na actualidade, a Xunta de Galicia inviste tres veces máis que o Goberno central en prestacións de dependencia, achegando o 70 % fronte ao 30 % estatal. A este desequilibrio actual, súmase a débeda que o Goberno do Estado arrastra cos galegos e galegas nesta materia, e que xa supera os 2.000 millóns de euros.
Lonxe de corrixir esta situación, a pesares de contar cos maiores orzamentos da historia de España, o desequilibrio na financiación da atención á dependencia continua, e o propio Goberno central xa recoñeceu que non vai dar cumprimento a súa promesa de achegar o 50% dos recursos nesta materia antes do remate da actual lexislatura.
Sen embargo, o recoñecemento dese incumprimento, non foi óbice para que o Goberno presidido por Pedro Sánchez pretenda establecer criterios comúns para a prestación de determinados servicios de carácter social no conxunto do territorio nacional. Criterios que, mais aló das lexítimas discrepancias técnicas expresadas polos distintos gobernos autonómicos, suporían un considerable aumento de custe na prestación de servicios como as residencias, ou as escolas infantís que, unha vez mais, preténdese repercutir nas maltreitas facendas autonómicas.
Ao entender do Grupo Parlamentario Popular, a combinación de incumprimento en materia de financiación, sumada ao aumento de custes derivados da improvisación do Goberno central, resulta inaceptable, polo dobre impacto negativo que suporía, por unha banda sobre a facenda galega e, en segundo lugar sobre a accesibilidade aos servicios sociais.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España:
1º.- O cumprimento do cofinanciamento do 50% da Lei de dependencia para que a participación da Xunta de Galicia e do Goberno central sexa equitativa, tendo especialmente en conta o desequilibrio acumulado desde a aprobación desta normativa en 2006.
2º.- Que renuncie a imposición unilateral de novas medidas ou regulacións que supoñan o incremento de custes na prestación de servicios públicos de carácter social, en tanto non se alcancen os niveis de cofinanciación previstos na Lei
39/2006 de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.