12, maio, 2019.O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, anunciou este domingo nunha entrevista na Cadena Ser que os populares galegos non apoiarán a ningún candidato de Vox, Podemos ou o BNG ás alcaldías dos concellos da nosa Comunidade.
Do mesmo xeito, reclamoulles aos dirixentes do PSdeG que fagan unha promesa no mesmo sentido e que aclaren se están dispostos a facer alcalde ou alcadesa a algún membro dun partido “extremista”. “Nós estamos poñendo unha liña vermella que non sabemos se os socialistas tamén están en condicións de trazar”, insistiu.
“Queremos o apoio dos galegos, para non depender de máis que dos galegos. A política de pactos moitas veces dá ás minorías un poder que non obteñen realmente nas urnas”, expuxo o número dous da formación que, máis alá desta cuestión, quixo subliñar que a “reflexión real debería ser que debemos unir o voto de centro dereita no proxecto de moderación e reformismo do PPdeG”. Neste sentido, amosouse seguro de que os votantes de Ciudadanos e Vox “o último que querían era que Pedro Sánchez seguise na Moncloa”.
“Temos que unir o voto para que sexa forte”, apuntou, para tenderlle a man tamén aos votantes descontentos do PSOE que xa non recoñecen ao partido nos seus novos líderes.
AUTOCRÍTICA PARA RECUPERAR POSICIÓNS
Logo de recoñecer os malos resultados do pasado 28 de abril, Tellado lembrou que “estamos nunhas eleccións distintas, nas que se trata de elixir alcaldes para os 313 concellos de Galicia”, e explicou que “moitos dos nosos candidatos levan moitos anos traballando en construír proxectos para os seus veciños”. “Soubemos facer autocrítica. O Partido está en pé e preparado para gañar as eleccións. Logo non vale lamentarse, porque non se pode cambiar de alcalde ata 2023”, incidiu.
“Cando un se equivoca, hai que recoñecer os erros para superalos. Fixemos unha mala campaña”, sentenciou, para valorar que “non temos que mirar á dereita nin á esquerda para saber o que é o Partido Popular, temos que mirar cara nós e ser o que sempre fomos: o partido moderado, reformista e constitucionalista de sempre”. “Non temos que ter complexos. As respostas ás preguntas que nos fagamos están en nós mesmos”, apostillou.
Malia isto, o secretario xeral quixo poñer en valor o “plus de resistencia” do PPdeG, que obtivo 11 puntos de apoio por riba do total nacional, para opinar que isto coloca aos populares con capacidade de recuperar posicións nestas eleccións e volver a ser a forza máis votada en Galicia.
UN MAGNÍFICO CANDIDATO AO PARLAMENTO EUROPEO
Tellado tamén animou a participar á cidadanía nas eleccións ao Parlamento Europeo e lamentou que “algunha xente pensa que isto nos queda lonxe, pero ten moito que ver co noso día a día”. Deste xeito, subliñou a importancia de que os populares teñan unha boa representación para defender os intereses de España e de Galicia en cuestións tan importantes como a Política Agraria Común ou as cotas da nosa flota pesqueira.
Sobre isto, recordou que Galicia conta un magnífico candidato para estes comicios, e gabou a boa labor e experiencia de Francisco Millán Mon, para concluír que “Galicia tamén se xoga moito nestas eleccións europeas”.