3, setembro, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou que Galicia sexa a segunda Comunidade Autónoma co mellor dato na evolución anual do paro de agosto, pero lamentou que o “efecto Sánchez” xa comece a lastrar a nosa economía. “A inestabilidade política que trouxo o presidente socialista ten reflexo no emprego”, aseverou.
Deste xeito, puxo en valor que o paro continúe caendo seis anos de xeito consecutivo no mes de agosto -Galicia conta con 10.604 parados menos, o que supón un descenso do 6,45%, a Comunidade sitúase en niveis de paro moi inferiores aos de hai dez anos con cifras próximas a antes da crise e melloramos o comportamento do Estado en case 3 puntos máis-.
Ademais de, tamén en termos interanuais, volver ser unha das comunidades líderes en creación de emprego, Tellado salientou que Galicia conta con máis dun millón de afiliacións á seguridade social e as cotizacións aumentan nun 1,62%, o que supón 45 novos afiliados ao día.
Pola contra, lamentou que, a nivel mensual, o paro subise nun 1,92%, -a un ritmo similar ao da media do Estado- e as afiliacións baixen nun 0,06% -cun ritmo menor ao estatal, no que descenden un 1,09%-. “Levámolo advertindo moito tempo, a inestabilidade política en España traería consecuencias negativas para a economía e, de maneira especial, para a creación de emprego”, apuntou mentres explicaba que todas estas incertezas reflíctense sobre todo na provincia da Coruña, pola falta de carga de traballo en Navantia Ferrol que afecta ás empresas auxiliares e pola errática política enerxética que afecta a toda a industria.
“O presidente do Goberno leva 15 meses no cargo e só lle preocupa un posto de traballo: o seu”, manifestou o número dous dos populares galegos, que lembrou que “esta é a historia de sempre con gobernos socialistas: destrución de emprego, subidas de impostos e contracción da economía”.
IMPULSAR O EMPREGO NOS COLECTIVOS CON MÁIS DIFICULTADES
Miguel Tellado quixo resaltar que, a nivel anual, o desemprego baixou nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e nos colectivos prioritarios para a Xunta -menores de 30 anos, parados de longa duración e mulleres-.
De feito, incidiu en que, con 18.526 mozos parados en agosto de 2019, Galicia acada a cifra máis baixa neste mes de toda a serie histórica. “Pero este bo dato non é suficiente, aínda queda moito por facer neste colectivo e por iso o Goberno galego traballa en programas específicos para favorecer a súa contratación e mellorar a súa especialización”, dixo.
Nese senso, entre as últimas iniciativas mencionou Profesionais 4.0, para a contratación de 140 mozos de ata 35 anos que desenvolvan en empresas e asociacións empresariais proxectos vinculados a áreas como optimización financeira, mellora da produción, dixitalización ou emprendemento, ao tempo que se impulsa a retención de talento na Comunidade.
Así, a diferenza do que acontece co Goberno de Sánchez, “que deixou claro que non fai absolutamente nada útil para fomentar a creación de postos de traballo”, o secretario xeral do PPdeG asegurou que a Comunidade si está comprometida coa mellora da empregabilidade de todos os galegos coa mirada posta, especialmente, nos grupos con maiores dificultades. “Non se trata de palabras, aquí contamos con iniciativas concretas que xa están en marcha, como o programa Galicia Emprega, para apoiar a formación e contratación de 1.100 persoas que pertenzan a estes colectivos”.