23, decembro, 2018.O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que, se o Partido Popular goberna en Galicia, é porque defende as posturas moderadas moito mellor que o Partido Socialista. Neste sentido, explicou que na nosa Comunidade non se dá o que si aconteceu no conxunto do Estado, onde houbo un pacto do PSOE con forzas de extrema esquerda, precisamente porque “aquí goberna a moderación”.
Así se expresaba nunha entrevista concedida á Cadena SER, na que sinalaba que en Galicia o PP é un proxecto de goberno “moderado e reformista”, capaz de frear o auxe do nacionalismo, que na actualidade só representa o 10% do voto nas urnas.
Logo de indicar que esta Autonomía posúe un ecosistema político propio, salientou que “somos o que somos porque é o que quere a cidadanía galega e respectamos a súa vontade” e lembrou que o seu partido obtivo o 48% dos votos dos galegos no 2016, un respaldo que non hai en ningunha outra comunidade e unha excepcionalidade que queren manter. Por este motivo, dixo que están moi atentos a escoitar as preocupacións da xente para darlles respostas como Goberno, evitando crear problemas onde non os hai.
Igualmente, destacou que os populares teñen a vontade de transformar e mellorar a sociedade na que vivimos dende as institucións, ao contrario dos partidos que se conforman con ser voceiros de determinadas ideoloxías. “O reto de gobernar é acertar e equivocarse pero saber rectificar, e esa é a grandeza do proxecto de Alberto Núñez Feijóo en Galicia”, aseverou.
ESTABILIDADE EN TODOS OS CONCELLOS
De cara ás vindeiras Eleccións Municipais de 2019, Miguel Tellado precisou que “a nosa principal aposta é trasladar ás cidades e concellos galegos a estabilidade que hai en Galicia”, recordando que somos a única Comunidade coas contas aprobadas para o 2019, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro para dar estabilidade, solvencia e tranquilidade ao conxunto da cidadanía. Proba disto –apuntou- é que a Autonomía medra e medrará máis que o conxunto do Estado e que creamos máis emprego que a media de España.
Ademais, recoñeceu que “gañamos onde somos capaces de facer chegar o noso proxecto á xente”, admitindo que, no rural, o contacto co cidadán é máis directo que nas grandes vilas. Por iso, declarou que os populares aspiran a facer unha política de rúa, de barrio e de proximidade en todos os lugares, “un espazo que o PPdeG sabe traballar ben”.
A DEFENSA DAS IDEAS
Por outra banda, aclarou que a posición ideolóxica dos populares non mudou nos últimos meses, afirmando que o éxito do seu partido está en ser unha formación de centro e centro-dereita, que permite aglutinar o voto moderado e reformista. De feito, apuntou que este amplo espazo ideolóxico “é o que nos ten permitido gobernar para todos cando estamos nas institucións”.
Nese senso, reiterou que non houbo xiros, senón que defenden o mesmo que defendían antes pero con máis fervor, pois esta forza na defensa das ideas –como a unidade de España ou a solvencia e o rigor no Goberno- non ten que ver con ser máis ou menos de dereitas. “Estamos na mesma posición ideolóxica que cando gobernaba e dirixía o partido Mariano Rajoy”, engadiu indicando que, sen embargo, si se pode observar máis radicalismo no PSOE.
Cuestionado por unha posible reforma da Constitución, remarcou que os populares non se pechan a nada pero subliñou que antes é preciso explicar que se quere cambiar e para que, sendo imprescindible que haxa maiorías de acordo. De igual xeito, insistiu en que, nun momento no que hai partidos e políticos que atentan contra o marco constitucional, faise máis importante que nunca a súa defensa e só a partir de aí poderíase falar dunha modificación.