06, maio, 2019. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou os datos de desemprego do pasado mes de abril publicados esta mañá, destacando que Galicia é o territorio onde máis baixa o paro, feito que “referenda a política económica do PPdeG».
“A estabilidade que temos na nosa Comunidade volve facernos líderes da caída do paro en España”, expresaba ao tempo que poñía en valor que rexistremos un descenso superior á media do Estado en 3,64 puntos. Así, a nosa Comunidade continúa reducindo o desemprego con 16.065 parados menos (8,81%) -son 44 desempregados menos ao día durante o último ano, o que nos sitúa en niveis de paro moi inferiores aos de hai dez anos-.
Igualmente, Galicia segue creando emprego con máis dun millón de afiliacións á Seguridade Social e a contratación continúa en aumento cun 2,59% máis de contratos, mentres que no Estado baixan. «A única Comunidade con maioría absoluta é tamén a que mellor comportamento ten no seu mercado de traballo. A estabilidade política xera estabilidade económica», aseverou.
No tocante á evolución mensual, Tellado tamén salientou que as cifras rexistran o segundo maior descenso desde 2007, caendo o paro nun 2,70% e subindo a contratación nun 11,16%, case oito puntos máis que en España.
DAR RESPOSTAS AO CIDADÁN
Así mesmo, o secretario xeral do PPdeG remarcou que o obxectivo prioritario dos populares, como veñen facendo dende a Xunta, é dar respostas ao cidadán co fin de que toda a sociedade galega poida incrementar o seu benestar e a súa calidade de vida.
Nese senso, lembrou que os últimos indicadores económicos confirman que a planificación levada a cabo polo Goberno galego está a dar resultados: “acabamos de rexistrar a mellor EPA dun inicio de ano da última década cunha taxa de paro mellor que a de España en 2,23 puntos e que reflicte que case tres de cada catro asalariados galegos son indefinidos (74,15%); levamos catro anos consecutivos medrando na contorna do 3%, crecendo o PIB por habitante a mellor ritmo en Galicia que en España; rexistramos récords sucesivos de exportacións; e temos o maior incremento da produción industrial da última década”.
«Este modelo de éxito consolidado durante anos na Xunta é o que queremos levar aos 313 concellos da nosa Comunidade», admitiu o número dous dos populares galegos facendo referencia ás vindeiras Eleccións Municipais.
PLANIFICAR A CREACIÓN DE EMPREGO
Como precisou Tellado, a caída do paro confirma unha vez máis o crecemento sostible e progresivo que vive Galicia. «Temos unha folla de ruta para apoiar ás empresas na creación de emprego, mentres o Goberno socialista aposta por unha subida masiva de impostos que lastrará á nosa economía», sinalou.
Segundo explicou, “somos unha comunidade na que se planifica a creación de emprego e na que se está apostando de xeito decidido pola formación de calidade adaptada á demanda do tecido produtivo para dar resposta aos novos retos da Industria 4.0”. Ademais, recordou que para crear traballo é preciso acompañar ao tecido empresarial, tal e como fai o Goberno galego, que incentiva a contratación nas empresas a través do Galicia Emprega; e impulsa a cualificación de máis de 26.000 desempregados e ocupados a través do Plan galego de formación.
“O impulso da innovación, a internacionalización e o emprendemento tamén son a nosa prioridade porque, xunto aos programas de emprego local, están consolidando a nosa economía e favorecendo que Galicia destaque pola súa capacidade para xerar estabilidade e confianza nos mercados”, subliñou.