Madrid, 13 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que “o mellor que fixemos nestes últimos catro anos é devolver a esperanza ao noso país”, ao tempo que indicaba que os populares exercen a política sendo un equipo e queren seguir exercendo a defensa dos intereses xerais con responsabilidade.
Así se expresaba nun foro celebrado esta mañá en Madrid no que estivo acompañado pola presidenta desta Comunidade, Cristina Cifuentes, e onde puxo en valor que tanto en Madrid como en Galicia, o goberno do PP, ademais de reducir o custe do transporte para os mozos, logrou baixar os impostos e eliminou o de Sucesións e Doazóns, “xa que parécenos máis razoable que sexan as familias as que xestionen a herdanza dos seus pais e non que o fagan os gobernos”.
Nese senso, afeou o obxectivo de moitos partidos -como Podemos- de querer implántalo de novo, mantendo unha presión fiscal máis alta e volvendo poñer un imposto que co esforzo da xente se puido eliminar.
Ademais, Feijóo tamén fixo fincapé na importancia de dar liberdade á cidadanía sen querer adoutrinala así como o fundamental que é que un político non lle deixe unha débeda ao seu país cando marcha. Nese sentido, insistiu en que cando un dirixente do PP marcha pode mirar aos ollos á xente e dicirlles “non deixei un pufo, paguei o que debía, marcho coas contas ordenadas, non fun un problema para a comunidade autónoma”. “Nin Madrid nin Galicia deixaron ningún pufo e iso é o que nos anima a seguir pedindo o voto para a política da liberdade e da responsabilidade”, dixo.
PROXECTO PARA ESPAÑA
“Hai un proxecto para España e chámase Partido Popular”, apuntou o presidente ao tempo que lembraba que o PSOE tívoo durante moito tempo pero xa non o ten; que é evidente que Ciudadanos tampouco é un partido para o país, intentando buscar persoas de UPyD e do PP para ir concretando as súas candidaturas ao longo de España; así como tampouco teñen proxecto os nacionalistas, que só queren manterse no poder nas comunidades autónomas onde están no goberno.
Nesta liña, afirmou que un dos activos máis grandes do PP é que non fai falta optar entre ser de Galicia ou de España “porque sabemos que a nosa forma de ser españois é ser galegos”. “Non podemos facer unha política local que é a destrución dun proxecto común”, engadiu.
Segundo apuntou, gobernar é facer un proxecto a favor e non discutir e ir en contra, “é buscar as vantaxes para que o país mellore”. Así, insistiu en que cando se pon o ego por riba do país e se busca o interese propio por riba dos intereses xerais o país bloquéase, tal e como aconteceu en España.
GOBERNO ESTABLE OU POPULISMO
“Estes meses puidemos comprobar que se pode estar peor que co PSOE no goberno e é estar con Sánchez, con Iglesias e con Rivera. Con España en mans dun equipo sen proxecto e cun conxunto de egos que teñen unha característica en común, que nunca solucionaron nada”, indicaba Feijóo. Polo contra, o presidente si valorou que, co PP, España despexou as súas incertidumes e hoxe está mellor que cando Rajoy chegou á Moncloa.
Así mesmo, apuntou que o Partido Popular é o único voto seguro para ter un goberno estable cuxa única alternativa é o populismo.
O dirixente tamén advertiu que nos xogamos a posibilidade de deixar o noso futuro en mans de persoas que nunca xestionaron nin nun concello pero que agora pretenden ser primeiro ministro e, por iso, recordou que nas urnas está a solución.