20, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que os candidatos do PPdeG gobernarán sendo libres e só debéndose aos seus veciños, o que garantirá mellores alcaldes e gobernos que unicamente renderán contas ante os cidadáns e non ante os concelleiros aos que lles debe a alcaldía: “Nós queremos un alcalde que non lle deba nada a ningún partido político, senón que llo deba todo aos seus veciños”.
Así, apuntou que, aínda que socialistas, nacionalistas e populistas se presentan a estas eleccións en tres listas diferentes, realmente son un mesmo candidato e un mesmo goberno. Feijóo incidiu en que, fronte ao resto dos partidos que queren que se repita o votado nas Xerais porque non teñen nada específico que aportar nos concellos, o PPdeG si ten candidato, equipo, programa, proxecto e propostas que responden ás necesidades de cada concello.
Neste senso, salientou que o próximo domingo non se elixe entre siglas ou ideoloxías, senón a un veciño e amosouse convencido de que se os indecisos coñecen os candidatos e os programas votarán ao PPdeG.
O IMPULSO DE VIVEIRO PASA POLO PP E POR ÓSCAR RODRÍGUEZ
Durante un mitin en Viveiro, Feijóo remarcou que o PP de Viveiro cumpriu coas súas responsabilidades nesta eleccións autonómicas: presenta un candidato coñecido, comprometido, fiable e persistente; unha candidatura renovada, preparada e ilusionada; e un gran proxecto. Subliñou que Viveiro precisa dun impulso, por iso pediu o voto para que o concello pase do inmobilismo, do estar por estar e de ser unha mera oficina de queixas e reclamacións ao dinamismo e ao empezar a facer.
Destacou o compromiso do Goberno galego co concello e expuxo feitos: a ampliación do hospital público, os investimentos en saneamento e abastecemento, a dragaxe do porto de Celeiro, o parque empresarial de Landrove, as reformas nos colexios e institutos e os apoios ao sector do mar e á Semana Santa.
Así, recalcou que a carta de presentación do PP en Viveiro son os proxectos e os feitos, a diferenza dos partidos que propoñen prolongar un goberno local paralizado e que compromete o futuro de Viveiro e de toda a Mariña como demostran con Alcoa e co posible peche de ENCE. Neste punto, o líder do PPdeG dixo que se Alcoa pecha “haberá un antes e un despois na Mariña”, por iso, fixo fincapé en que, se ao Goberno local lle interesaran os traballadores, estaría reclamando ante o Executivo de España.
Segundo Feijóo, para que en Viveiro haxa un goberno acorde ás necesidades do concello e que mire polo futuro dos seus veciños, só hai unha alternativa: votar ao PP e a Óscar Rodríguez, a mellor opción para Viveiro.
JOSÉ BOUSO, O MELLOR CAPITÁN PARA A PASTORIZA
Posteriormente, durante un mitin na Pastoriza, o líder do PPdeG destacou o sentimento de renovación, ilusión e a favor do cambio neste concello. Así, apuntou que o PPdeG está preto de ser o partido máis votado, como xa o foi no ano 15, e de ter a maioría absoluta para que os segundos e os terceiros non se alíen contra o PP e lle impidan gobernar.
“Estamos preto de volver aos mellores anos da Pastoriza”, salientou Feijóo, quen pediu o voto para o PP, o único partido con proxecto e ideas novas, e para José Bouso, “o mellor capitán” para este concello. Neste senso, destacou que o candidato popular cre no futuro de Pastoriza, a diferenza dos demais que tiveron doce anos para demostralo e non fixeron gran cousa, e defende o rural.