Indica que a cogobernanza non pode ser un slogan do Executivo central cando non sabe ou non se atreve a exercer as súas responsabilidades
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu a Pedro Sánchez que convoque unha Conferencia de Presidentes para deseñar a España de despois do 9 de maio, porque precisamos certezas e non un Goberno que pase “do Estado de Alarma ao caos”. “Non se pode gobernar un país a forza de Estados de Alarma permanentes”, apostilou.
Durante a súa intervención na Xunta Directiva que o partido celebrou en Oleiros, explicou que a cogobernanza non pode ser un slogan, unha palabra baleira ou un comodín do Executivo central cando non sabe ou non se atreve a exercer as súas responsabilidades; e indicou que as Autonomías pedíronlle sempre que exercese labores de coordinación mentres cubriron as súas carencias de xestión e os seus incumprimentos, sendo máis leais co Goberno de España do que este foi coas Comunidades.
De feito, expresou que desde Galicia se seguirá traballando para acertar coa resposta a esta crise, ao tempo que insistía en que é necesaria unha Lei para xestionar a pandemia, ao igual que o cre o Consello de Estado. Por este motivo sinalou que a nosa Autonomía xa aprobou unha -co PSOE, Podemos e Vox en contra-, algo que tamén están agora facendo País Vasco ou Aragón, nas que goberna o Partido Socialista.
Do mesmo xeito, destacou que é fundamental que as axudas se repartan con criterios transparentes e obxectivos, polo que non é razoable que a Comunidade perciba 105 millóns menos do que lle corresponde de Fondos do Estado para Autónomos.
Nun contexto de crise, tamén admitiu que as administracións teñen que traballar para conservar a actividade económica e o emprego, polo que os populares non poden aceptar o Artigo 18 da Lei de Cambio Climático. “Traer un plantexamento mesetario a un problema costeiro é un disparate que nos costará miles de postos de traballo”, advertiu.
Ademais, aclarou que, mentres había ministros que marchaban en plena terceira onda para ser candidatos en eleccións autonómicas, desde a Moncloa se esquecía a pandemia para desestabilizar gobernos autonómicos que funcionaban con mocións de censura, e algúns partidos só exercían de comentaristas da situación dando leccións desde os seus escanos; os populares galegos continuaron traballando para ser útiles á sociedade, tomaron medidas contra a Covid e xestionaron responsablemente a crise sanitaria.
GALICIA DEU UNHA LECCIÓN
Tras poñer en valor que somos a Comunidade peninsular con menos mortalidade provocada pola pandemia, incluso sendo das poboacións máis avellentadas, Feijóo afirmou que nestes tempos tan duros Galicia volveu dar unha lección.
Así mesmo, resaltou que a Sanidade pública galega foi e segue a ser un exemplo de entrega e de coidado pero, aínda así, quere seguir reforzándoa con máis profesionais -aprobouse unha OPE de 1.200 prazas-, con máis e mellores centros de saúde -coma os que se abriron nestes meses na Estrada, en Ames ou en Paderne de Allariz-, e cunhas infraestruturas hospitalarias de primeiro nivel, como será o novo CHUAC.
Despois de máis dunha década de acusacións inxustas e de todas as dificultades que supuxo a pandemia, “acreditamos que a nosa Sanidade pública pode mirar con dignidade á xente que a financia, que son os galegos e as galegas”. Por iso dirixiuse a aqueles que “mentiron e seguen mentindo” para que deixen as súas calumnias aparcadas e defendan o noso sistema sanitario.
CENTRADOS NA REACTIVACIÓN
No seu discurso, o presidente tamén aclarou que os populares tampouco perderon nunca de vista nestes meses a reactivación económica, lembrando que se aprobaron Plans de Rescate para os sectores máis afectados polos peches e medidas de impulso do consumo coma o Bono Turístico ou o Bono Comercio.
Tampouco se esqueceu das ferramentas necesarias para construír o escenario post-covid e recordou que a Xunta aprobou a Lei de Simplificación e presentou unha candidatura traballada e realista aos Fondos Next Generation. Sobre isto, subliñou que son precisos uns criterios de reparto claros, que non se baseen na afinidade do Executivo central coa administración que os promova e que se nos xulgue só en función da validez dos nosos proxectos; aseverando que o Goberno do Estado debe pensar máis na xestión e menos nas eleccións.
ACABAR CON TODAS AS ACTITUDES MACHISTAS
Por outra banda, o líder do PPdeG referiuse ao ataque “tan machista, fóra de lugar e de tan mal gusto” empregado polo presidente da Deputación de Lugo para dirixirse á deputada autonómica e presidenta provincial do PP nesa provincia, Elena Candia, intentado descualificala con palabras como “coa súa vestimenta e co seu aspecto de leopardo”. Ademais de amosar o seu apoio incondicional á súa compañeira e de declarar que todas as mulleres teñen dereito vestir como consideren, Feijóo agarda unha rectificación e unha desculpa, así como que sexa reprendido por parte dos partidos que din defender ás mulleres pero cuxos representantes amosan o contrario coas súas declaracións.
Pola súa parte, o presidente provincial da Coruña, Diego Calvo, tamén censurou as palabras de José Tomé que, ante a falta de argumentos políticos, utilizou comentarios que hai que erradicar da vida, da sociedade e da política.