O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos, contrapuxo, hoxe, o modelo en materia de vivenda do Executivo de Pedro Sánchez co da Xunta. Así, dixo que, fronte as “receitas ideolóxicas, parches e propaganda de última hora”, o Goberno de Alfonso Rueda “elixe o camiño do rigor e o das solucións reais”.
“Galicia demostra que hai outra forma de facer política”, salientou Pazos, quen apuntou, así, que, por unha parte, a Xunta fai respondendo con feitos e o PPdeG propón a través de iniciativas no pleno do Parlamento: “Temos en marcha máis de 4.000 novas vivendas de promoción pública, con protección permanente, e mantemos firme o obxectivo histórico de acadar as 10.000 vivendas públicas para o ano 2030”. Así mesmo, lembrou que antes de que remate o ano convocaranse axudas para subir ata os 51.000 euros os apoios aos promotores por cada vivenda protexida de réxime especial.
Aproveitou, tamén, para recordar a batería de iniciativas parlamentarias que se debaterán na sesión plenaria da vindeira semana. En primeiro lugar, unha proposición non de lei para esixir recursos reais para Galicia, cualificando de “cantidade ridícula” os 5 millóns anunciados polo Ministerio, “que non chegan nin para financiar 30 vivendas públicas”. En segundo lugar, os populares esixirán a corrección inmediata do portal Casa47, ao que Pazos se referiu como unha “estafa publicitaria”, que ofrece 7 vivendas en Lugo para máis de 2.100 demandantes inscritos. Por último, abordará os efectos da declaración da Coruña como Zona Tensionada tras un ano en vigor.
UN GOBERNO CREPUSCULAR E INESTABLE
“Estamos ante un Goberno central crepuscular, sumido nunha enorme inestabilidade”, apuntou Pazos, quen indicou o rexeitamento parlamentario ás medidas estrela do Executivo central é a mostra de que “non se pode gobernar un país dependendo de cambios de cromos a última hora e de contar votos á desesperada no último minuto”.
Segundo Pazos, o texto redactado polo sanchismo é un “novo exercicio de propaganda”, que ignora a realidade do país e que avoga por un modelo intervencionista que “volve provocar pánico no mercado”. Tal e como sinalou o portavoz popular, desde o anuncio o pasado martes deste “decreto-parche”, o número de pisos en alugueiro caeu en picado en cuestión de horas.
A maiores, Pazos cualificou as propostas de “totalmente inviables e de moi dubidosa legalidade”, censurando que dependan duns Orzamentos do Estado, que nin están nin se lles espera, e que pretendan esixir que as Comunidades asuman con cargo aos seus fondos propios as rendas de contratos privados.
“A xente que está reclamando nas rúas estao facendo en contra das políticas de oito anos de Pedro Sánchez”, sinalou, para recordar que, a vivenda pasou de ser o décimo sexto problema para os españois para ser hoxe o primeiro: “Quen creou o problema non vai solucionar o problema”.
DOUS MESES DE ABANDONO E SILENCIO EN CEUTA
Finalmente, Alberto Pazos aproveitou para pór o foco sobre a situación de Ceuta, tras cumprirse dous meses nos que a cidade autónoma leva “sumida no caos máis absoluto”: “Os ceutís están a vivir un auténtico calvario pola nula xestión e a inexistente atención de Pedro Sánchez”, criticou Pazos, quen acusou ao Goberno de querer tapar a súa inacción a golpe de titular. “Pretenden ocultar e silenciar a desesperación de toda unha cidade autónoma. Por iso, dous meses despois, seguimos dicindo ben alto e claro: Galicia está con Ceuta. Galicia esixe ao Goberno central que actúe dunha vez e que deixe de mirar para outro lado”, concluíu.