12, abril, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto para o Partido Popular, que demostrou saber xestionar, ante os que converterían a desaceleración nunha nova crise: “Con un Goberno de Pedro Sánchez, a posible desaceleración volverá ser crise, e con un Goberno do Partido Popular seguiremos falando de recuperación”.
Fronte a improvisación, os que dividen e os que destrúen postos de traballo, Feijóo pediu o voto polo crecemento, o emprego, a responsabilidade, a xestión e por unha España que traballe unida: “O PSOE e os seus socios son un freo para España e a única garantía de avance, o único valor seguro xestionando as dificultades, é o Partido Popular”.
Durante un mitin en Pontevedra, onde estivo acompañado polo presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy, Feijóo indicou que España non pode permitirse durante catro anos a frivolidade de Sánchez nin tampouco que Podemos faga e desfaga os orzamentos ao seu antollo e que teña que pagar peaxes a nacionalistas e independentistas. Por iso, apuntou que a división do voto entre PP, Ciudadanos e Vox beneficiará unicamente a Pedro Sánchez e os seus socios, mentres o resto dos españois sairán prexudicados.
MARIANO RAJOY
Feijóo fixo fincapé no contraste entre Mariano Rajoy, de quen destacou que soubo chegar ao Goberno, co apoio dos españois; soubo estar, debéndose unicamente ao interese xeral; e soubo irse, cos seus principios intactos; e Pedro Sánchez: que chegou de mans de Podemos, nacionalistas, independentistas; que non estivo á altura da súa responsabilidade, porque, en lugar de gobernar para todos só o fixo para os seus socios; e que se irá sen poder dicir que fixo algo bo para Galicia ou para o resto de España.
Do mesmo xeito, salientou que Rajoy si ten un balance que presentar, defendeu a Constitución, sempre mantivo o seu compromiso con Galicia -a mostra é que nunca a nosa Comunidade tivo uns orzamentos con máis investimento que con el de presidente-, e serviu ao seu país durante os sete anos máis difíciles da democracia: “Nunca cedeu un milímetro a unha chantaxe nin tivo que chamar insistentemente a Otegui e a Batasuna-Bildu, porque antes de ser presidente cos apoios que tivo Pedro Sánchez preferiu ser ex presidente”. Pola contra, dixo que Pedro Sánchez disimula o seu desgoberno con improvisacións cada venres no Consello de ministros e que, ademais de ser incapaz de resolver problemas, créaos, e puxo como exemplo a situación dos traballadores de Alcoa e de Ence.
O VOTO MÁIS ÚTIL
Feijóo apelou ao voto útil no PP para que haxa un partido e un presidente aos que lles importe Galicia e España. Así, sinalou que a única vía segura para que non goberne Pedro Sánchez e haxa un goberno alternativo é o Partido Popular. Para o líder do PPdeG, mentres o resto de partidos se dedican a proclamas, só o PP e Pablo Casado queren asumir a responsabilidade de xestionar e gobernar o país e se están preocupando de que haxa propostas.
Tal e como destacou, o próximo 28 de abril, ningún voto que queira a Galicia e a España non pode quedarse na casa nin sen escano. Por iso, chamou a unir as forzas nas urnas, xa que o apoio a partidos como Ciudadanos e Vox, non só non suma escanos para o centro dereita, senón que ademais pode sumar escanos para a esquerda e os nacionalistas.