Iniciativa sobre o impulso por parte da xunta da plataforma informática da Axencia Galega de Calidade Alimentaria para poñer en valor e amplicar a formación a distancia no agro galego
A formación constitúe un elemento imprescindible para lograr a competitividade do sector agrario e gandeiro co obxectivo de xerar espazos favorables á cultura empresarial, ao emprendemento e á innovación.
Nun mercado cada vez máis esixente e cambiante, a profesionalización do sector primario mediante a mellora das súas capacitacións e cualificacións profesionais é un reto para as administracións públicas en relación ao coñecemento técnico e produtivo, e en termos comerciais e de xestión.
A necesidade de mellorar a capacitación profesional levou á Xunta a incentivar a profesionalización do sector mediante a incorporación nos Plans de Desenvolvemento Rural (PDRs) distintas medidas de fomento da formación profesional agraria e outras iniciativas orientadas a perfeccionar a formación ocupacional non regrada.
Deste xeito, os programas de formación agraria e forestal favorecen a capacitación e a incorporación de mozos ao sector primario e o aprendizaxe permanente de todos os profesionais favorecendo o desenvolvemento rural, a sustentabilidade, a mellora ambiental, a competitividade, a innovación e a implantación de novas tecnoloxías.
O obxectivo final é que dita formación convértase nun dos instrumentos fundamentais da modernización e avance do medio agrario e, deste xeito, restablecer o equilibro territorial do mundo rural en condicións de vida similares ao das zonas urbanas.
Aínda que na actualidade a oferta de cursos e ciclos formativos relacionadas coa familia profesional agraria é moi ampla, a formación dos agricultores e gandeiros segue considerándose un espazo de mellora, pois o medio agrario precisa de persoal cualificado e escasea a man de obra especializada.
Con este obxectivo a Xunta de Galicia ten en marcha un plan estratéxico de formación agraria, vinculado á Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). O plan desenvólvese en tres piares: a formación regrada, os certificados de profesionalidade e a formación continua, onde se asigna ao CFEA de Monforte a especialización en formación dixital.
A formación on-line pode considerarse como o presente e futuro da educación polas grandes vantaxes que proporciona tanto a alumnado como a profesorado, pola súa versatilidade, xa que pode empregarse para formación a distancia ou como complemento das clases presenciais.
Na actualidade a oferta formación telemática da Consellería do Medio Rural é menor á prevista como formación presencial e, polo tanto, existe unha clara necesidade de fomentala. Ademais, a aparición da pandemia pola covid-19 supón un antes e un despois en moitos campos e a formación a distancia é un deles.
É moi probable que a maior parte dos cursos do programa de formación continua e dos programas de transferencia tecnolóxica non se realicen no ano 2021 ao igual que aconteceu na presente anualidade, por dous motivos principais: a dificultade de dispoñer de locais que cumpran os esixentes requisitos preventivos e, pola outra parte, o reparo a congregar alumando nestas actividades, cando están en marcha limitacións nas reunións de xeito presencial.
O Agacal xa dispón unha plataforma de uso que sería conveniente potenciar incorporando, entre outros, os seguintes obxectivos:
Transformala nun espazo de asesoramento e transferencia do coñecemento agrario de Galicia. Así, empregando a potencionalidade da plataforma de formación actual, convertela nunha ferramenta de transferencia de tecnoloxía nos sectores fundamentais do campo galego (agricultura, gandaría, forestal e agroindustrial)
Inventariar todos os contidos que existen na actualidade (libros, vídeos, presentacións… etc) para incorporalos á devandita plataforma como material de apoio e consulta de acceso libre, xa que na actualidade estes documentos están inconexos. Todos os libros que se publiquen a partir de agora deberan ter un formato axeitado para a súa incorporación na devandita plataforma.
Realizar un rastrexo das fortalezas e debilidades da formación do sector primario na nosa comunidade coa colaboración de empresas, cooperativas do sector, enfocando esta formación nos nichos laborais e nas necesidades reais de emprego do sector
Realizar unha convocatoria de actuacións docentes en colaboración coas empresas, asociacións, cooperativas, etc… para determinar as súas necesidades de man de obra cualificada.
Ofrecer asistencia técnica virtual ao sector, de tal xeito que os usuarios poidan empregala para realizar consultas incorporando nesta faceta aos centros de investigación dependentes da Consellería do Medio Rural.
Chegar a acordos con entidades como o Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural –Ibader-, O Agro da TVG, revistas especializadas, asociacións, cooperativas e outras administracións que xa propuxeron a cesión de documentación a custe cero.
Contactar con outras escolas de formación agraria para ter unha base común de presentacións co obxectivo de uniformizar a formación a nivel autonómico ou, en todo caso, establecer liñas de colaboración periódica para dispoñer dun fluxo continuo de información constante entre todas as institucións.
Incorporar na plataforma, con carácter complementario á formación, iniciativas como bolsas de prácticas en empresas, bolsas de emprego ou calquera outra iniciativa de interese para o sector primario para pechar o ciclo de capacitación- emprego do sector agrario.
En resumo, a mellora da plataforma de formación ten que servir para dar un impulso ao sector primario en termos de capacitación, adaptación aos requisitos da nova política agraria, competitividade e empregabilidade, pero todo isto adaptándose ás características propias das traballadoras e traballadores das industrias agro-gandeiras, e ao mercado, para sexa máis atractiva, amigable en contidos e nun formato que permita atraer novo alumando e empresas.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a potenciar a plataforma tecnolóxica web para poñer en valor e ampliar a formación a distancia no agro galego”.
Rexistro Iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000586