Iniciativa sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España da reactivación dos traballos para lograr a aprobación inmediata do documento final da Estratexia nacional fronte ao reto demográfico
En xaneiro de 2017, o entón Presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, convocou unha Conferencia de Presidentes Autonómicos na que se incluíu como un dos temas fundamentais a tratar un longamente reclamado pola Xunta de Galicia: a necesidade de formular unha política transversal a nivel estatal para afrontar os desafíos sociais, financeiros e territoriais derivados da caída da poboación, do envellecemento e da despoboación dos entornos rurais.
A dita conferencia acordou a posta en marcha dunha Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico liderada polo Goberno de España pero tendo en conta tamén as propostas dos gobernos autonómicos e das distintas comisións de estudo creadas nos órganos lexislativos. Só unha semana despois, o Consello de Ministros aprobou a creación do Comisionado do Goberno fronte ao reto demográfico, así como a súa estrutura; un departamento ao que lle encomendou a elaboración da Estratexia Nacional acordada pola Conferencia de Presidentes.
Só un mes despois, a Comisionada mantivo unha reunión coa Xunta de Galicia para coñecer as súas propostas, iniciando así unha rolda de contacto cos gobernos autonómicos que se compaxinou coa constitución e reunións do grupo de traballo interministerial ao seu cargo.
A mediados de 2018, o cambio no Goberno de España levou aparellada unha substitución na figura do Comisionado. Unha nova Comisionada retomou as reunións. Iso si, a súa relación de actos publicada na web do Ministerio de Política Territorial e Función Pública só recolleencontros con membros de gobernos autonómicos do PSOE (Extremadura, Asturias e, daquela, Andalucía).
A partires do inicio de 2019 desaparecen as reunións institucionais e co tecido asociativo para encherse dita axenda de participación en xornadas e entrevistas en medios de comunicación.
Outro indicativo da perda de interese sobre o reto demográfico por parte de determinadas forzas políticas foi a ausencia de PSOE do debate de aprobación de do informe final da Comisión sobre a Evolución Demográfica en España, unha das mencionadas no mandato da Conferencia de Presidentes como fontes básicas das medidas da futura Estratexia Nacional. Na sesión final desta Comisión, o 22 de febreiro de
2019, o PSOE, que nin sequera presentara proposta algunha para o informe final, decidiu ausentarse da votación das restantes propostas (das que preto dun centenar partían do Grupo Popular).
En marzo de 2019, o Consello de Ministros aprobou unhas “directrices” da Estratexia Nacional, sen contido nin dotación orzamentaria, pero nada segue sen saberse do documento final da Estratexia.
Para maior preocupación, nese mesmo mes produciuse o cesamento da
Comisionada e o cargo pasou case un ano vacante.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte Proposición non de Lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España a reactivación dos traballos para lograr a aprobación inmediata do documento final da Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico”.
Rexistro Iniciativa: http://www.es.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000048