Promover medidas de apoio para incentivar os seguros agrarios e fomentar a promoción do noso sector vitivinícola
A planificación estratéxica é a longo prazo é unha liña fundamental respecto dos eidos produtivos ligados á economía primaria, tamén no caso do sector vitivinícola de Galicia, cuxa importancia amósase a través dos viños das cinco Denominacións de Orixe (D.O.P.) galegas –Monterrei, Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra e Valdeorras– e das catro Indicacións Xeográficas Protexidas (I.X.P.) –Barbanza-Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense–.
Falamos dun sector que aglutina máis de 10.000 viticultores e case que 500 adegas, que achegan un valor económico estimado de viño cualificado de máis de 230 millóns de euros. En adición, o vitivinícola é un eido produtivo dos máis dinámicos de Galicia, de feito, destacan as chamadas Rutas do Viño desde o punto de vista turístico, que inclúen un total de 108 adegas, 64 establecementos de hostalería e numerosas empresas e entidades asociadas, cun interese exponencial polo patrimonio cultural e paisaxístico que as rodea.
Nos últimos anos presenciamos fenómenos meteorolóxicos que provocaron perdas nas colleitas agrarias. Así mesmo, non podemos obviar que estamos asistindo a un cambio climático que afecta ás colleitas tanto a curto como a longo prazo e por iso os produtores necesitan protexer as mesmas.
Os seguros agrarios constitúense como unha eficaz ferramenta de protección dos agricultores e gandeiros contra as adversidades meteorolóxicas e outros fenómenos alleos ao seu control, que poidan causar perdas nas súas explotacións. A meirande parte das explotacións contan con seguros agrarios que os asisten de determinadas incidencias.
Dende o Grupo Parlamentario Popular realizamos unha clara aposta por fomentar os seguros agrarios para evitar calquera tipo de perdas, ben pola seca ou polas choivas como aconteceu no 2021. No 2022, a Xunta de Galicia destinou un total de 7 millóns de euros, un 17% máis que na convocatoria anterior, para fomentar a contratación deste tipo de pólizas.
Por este motivo, debérase incidir no fomento da contratación dos seguros agrarios por parte de agricultores de xeito colectivo e dun xeito concreto pola vía das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas coas que contamos na nosa comunidade, co obxecto de establecer redes de seguridade ante a ocorrencia de potenciais catástrofes e fenómenos que impidan a recolección normal da colleita de determinados cultivos, como é o caso da uva de vinificación.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as seguintes medidas a prol do sector agrario e concretamente do sector vitivinícola:
1.- Consolidar e desenvolver todas as medidas de apoio necesarias para incentivar a contratación dos seguros agrarios e impulsar especificamente a contratación das mesmas en todas as explotacións vitivinícolas que estean asociadas ás Denominacións de Orixe coa finalidade de estar cubertos ante calquera eventualidade ou fenómeno meteorolóxico extraordinario.
2.- Fomentar a promoción do noso sector vitivinícola e concretamente dos viños
galegos con denominación de orixe en países da Unión Europea e fora da mesma”.