5 de abril de 2023. O vicesecretario de Organización do PP asegurou hoxe, nun acto cos medio cento de novos afiliados do PP de Lugo ao que tamén asistiu a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que a súa formación aporta a Lugo “o mellor que ten”, convencido de que Elena Candia “será unha gran alcaldesa que anteporá os intereses dos lucenses por riba de calquera outra cuestión”.
“Elena Candia é unha persoa con experiencia, con ganas e con ilusión por darlle a Lugo un futuro mellor e para iso conta cun gran equipo e ten detrás un partido que medra e amplía as súas filas con novas incorporacións”, engadiu.
Miguel Tellado definiu o proxecto do PP de Lugo como un proxecto “de todos e para todos” para “dicirlle adeus a un bipartito de socialistas e nacionalistas que se repartiu o goberno pero non gobernou”.
“Ao longo destes anos, ninguén pensou nos intereses dunha cidade como Lugo, que non quere ser máis que ningunha pero tampouco está disposta a ser menos que calquera”, remarcou.
O vicesecretario nacional amosouse convencido de que o vindeiro 28 de maio o PP celebrará unha vitoria na capital da provincia e de que haberá un cambio de goberno na Deputación.
“En Lugo e no resto dos municipios de España faremos posible o cambio que España merece para ter un Goberno mellor e que só pode vir da man do PP e de Alberto Núñez Feijóo”, afirmou.
Miguel Tellado destacou que, desde que Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia do PP hai un ano, son máis de 12.000 os afiliados que se sumaron ao partido: “Isto demostra que temos un proxecto vivo e aberto a novas incorporacións, fronte á falta de proxecto dun PSOE en descomposición”.
“Onte coñecíamos como o violador do estilete se beneficiaba da soberbia e da incompetencia de PSOE e Podemos. Porque mentres o Goberno se divide e está centrado en liortas internas, estáselle a dar as costas á realidade de que máis de 800 violadores, pederastas e agresores sexuais se beneficiaron das rebaixas de pena da Lei do só si é si”, concluíu.
ELENA CANDIA DEU A BENVIDA AOS NOVOS MILITANTES DO PARTIDO
O PP desenvolveu, na sede de Poeta Ramón Cabanillas, un acto simbólico de benvida a unha representación de persoas de todas as idades e perfís profesionais que decidiron, nos últimos meses, colaborar de forma máis activa co proxecto popular.
A candidata á alcaldía explicou que o feito de que o partido siga medrando é un indicativo positivo: “Os que se incorporan e dan este paso é porque queren un Lugo mellor e, pola nosa banda, poremos no centro do noso traballo as súas preocupacións, porque Lugo é o primeiro”.
Elena Candia explicou que “afiliarse é o máximo grao de responsabilidade que ten unha persoa con respecto a un partido” e dixo que valoraba de forma moi positiva “o interese que demostran nun reto tan importante como o que temos entre mans, que é chegar á alcaldía de Lugo”.
A candidata agradeceu o compromiso dos novos militantes manifestando que “o PP non existiría sen os afiliados de base, persoas que fan de correa de transmisión das nosas mensaxes e que defenden na rúa as nosas ideas”.
Candia animou aos que veñen de sumarse ao partido, así como aos que levan toda a vida na formación, a que participen en todos os actos que se convocquen e que tamén fagan as súas achegas para mellorar o proxecto de cidade que quere levar a cabo se é alcaldesa o vindeiro 28 de maio.