O Goberno galego dá luz verde ao primeiro Regulamento Xeral de Estradas de Galicia, que adaptará as normas de xestión dos viais á realidade territorial da Comunidade
- Trátase dun texto que foi sometido a información pública e inclúe as melloras propostas pola Asesoría Xurídica da Xunta. Así mesmo, sumáronselle alegacións presentadas por organismos como a Fegamp
- O presidente da Xunta considera fundamental contar con instrumentos normativos propios que nos permitan xestionar as nosas redes de estradas tendo en conta as nosas peculiaridades
- Sinala que os obxectivos fundamentais do regulamento son atender ás singularidades de Galicia, outorgar ás Administracións unha ferramenta normativa que asegure a adecuada xestión e protección do dominio público viario e salvagardar o interese dos cidadáns nas súas relacións coa Administración
- Di que con este regulamento pioneiro, unido á Lei de Estradas da Comunidade, a Xunta pretende lograr un reforzo das garantías xurídicas para a cidadanía, unha limitación da discrecionalidade das Administracións e unha maior transparencia e un traballo máis adaptado á realidade das estradas galegas e ás súas funcións
Santiago, 14 de xaneiro de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta deu luz verde ao primeiro Regulamento Xeral de Estradas de Galicia, a través dun decreto que será remitido ao Consello Consultivo.
Segundo o máximo responsable autonómico, trátase dun texto que ao longo da súa tramitación foi enriquecido e mellorado, sendo sometido a información pública e incluíndo as melloras propostas pola Asesoría Xurídica da Xunta. Así mesmo, sumóuselle a maioría das alegacións presentadas na fase intermedia por organismos como a Fegamp.
Como sinalou o presidente, por vez primeira, Galicia desenvolve a nivel regulamentario a súa lexislación en materia de estradas, ao abeiro da Lei de Estradas aprobada no ano 2013.
Deste xeito, coa lei e o regulamento, a Comunidade galega pasa a contar cun sólido corpo normativo propio, adaptado á realidade galega. Así, deixa de aplicarse o regulamento estatal e posibilitando unha mellor xestión das redes de estradas de titularidade autonómica, provincial e local.
Neste senso, Feijóo considerou fundamental contar con instrumentos normativos propios que nos permitan xestionar as nosas redes de estradas tendo en conta as nosas peculiaridades.
Os obxectivos do regulamento
O titular da Xunta sinalou que un dos obxectivos fundamentais do regulamento é atender ás singularidades de Galicia, como poden ser a dispersión, a abundancia de núcleos de poboación, a existencia de núcleos rurais, a presenza dunha gran cantidade de travesías e núcleos de poboación e edificacións illadas nas marxes das estradas.
Igualmente, outro dos obxectivos do regulamento pasa por outorgar ás Administracións unha ferramenta normativa que asegure a adecuada xestión e protección do dominio público viario.
Por último, Feijóo destacou como o terceiro gran obxectivo o de salvagardar o interese dos cidadáns nas súas relacións coa Administración.
Como subliñou, trátase de contar cunha regulación máis detallada dos supostos e dos procedementos e delimitar a marxe para a actuación discrecional coa que as administracións deben actuar en ocasións.
Con este regulamento pioneiro, unido á Lei de Estradas da Comunidade, a Xunta pretende lograr un reforzo das garantías xurídicas para a cidadanía, unha limitación da discrecionalidade das Administracións e unha maior transparencia e un traballo máis adaptado á realidade das estradas galegas e ás súas funcións de vertebración do territorio e transporte. En definitiva, como sinalou Feijóo, trátase de acadar unha mellor xestión das nosas estradas.