Santiago, 26 de setembro de 2019.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, presentou esta mañá as 40 propostas de resolución rexistradas por este grupo parlamentario para o Debate sobre o Estado da Autonomía, entre as que destaca a solicitude ao Goberno central do pago dos 700 millóns de euros que debe a Galicia e a posta en marcha do Plan Estratéxico de Galicia 2021, ademais de medidas dirixidas ao medio rural, o desenvolvemento industrial, o turismo, os servizos públicos, a violencia de xénero e a lealdade institucional.
Tellado amosou a “disposición ao diálogo do PPdeG para chegar a acordos cos grupos da oposición, porque os galegos demandan unidade no establecemento de prioridades e na defensa dos intereses de Galicia”.
Miguel Tellado iniciou a súa intervención facendo unha valoración da primeira xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía celebrada onte e destacou que “vimos a un Presidente da Xunta que pensa en xestionar os doce meses que quedan desta lexislatura e tamén planificar a Galicia dos vindeiros 12 anos”. “Para iso, fixo 90 anuncios de moito calado, entre os que destaca a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2020, a mellor imaxe da estabilidade política que se vive en Galicia”, indicou.
Respecto dos grupos da oposición, lamentou que “están desnortados, co mesmo discurso de sempre, coa mesma falta de proxecto e con menos liderado que nunca”. Así mesmo, dixo que “non teñen ideas para que Galicia avance e non son capaces de apoiar ao Goberno galego cando presenta medidas positivas”. “Os galegos teñen un Presidente con quen contar, pero non poden contar para nada cos grupos da oposición”, indicou.
Respecto das propostas de resolución rexistradas polo Grupo Popular, Miguel Tellado concretou que “pódense agrupar sete grandes apartados: economía; rural galego; Galicia Verde; industria e emprego; servizos públicos; turismo e cultura galega; e institucional.
Dentro do apartado económico, o viceportavoz popular explicou que “urximos ao Goberno central que transfira de inmediato á Comunidade galega os 700 millóns de euros comprometidos en 2019 e que aínda debe”, así como ínstase á Xunta a aprobar, no primeiro semestre de 2020, o Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030, cos retos e liñas estratéxicas para a vindeira década.
LEXISLATURA DO RURAL
“Estamos na lexislatura do rural galego e deste xeito desde o Grupo Popular formulamos propostas para seguir mellorando o nivel de vida dos galegos que queiran vivir no noso rural”, sinalou. Así, demándase o desenvolvemento dun novo paquete de medidas de impulso fiscal ao rural, tanto a través de tributos que dependan de Galicia como solicitando ao Goberno central que faga o propio nos impostos estatais; que se dote aos concellos do rural galego de novos servizos; avanzar na loita contra os incendios forestais; e establecer un sistema de xestión de dexeccións gandeiras.
No que respecta á Galicia Verde, o Grupo Popular solicita a declaración do estado de emerxencia climática en Galicia, que deberá compaxinarse coas necesidades de emprego e industria en Galicia; a aprobación dun Plan de eficiencia enerxética 2020-2024 dirixido á redución do consumo enerxético polas familias galegas; e a posta en marcha, en colaboración con concellos e deputacións, dun ciclo integral da auga.
Dentro deste apartado, Tellado indicou que “fixamos a nosa atención na mellora da mobilidade en Galicia, pedindo melloras tanto no transporte publico como no privado”. “Neste punto, merece unha mención especial a chegada do AVE a Galicia, polo que solicitamos ao Goberno de España que cumpra os prazos comprometidos para que estea en probas antes de que remate o presente ano 2019 e que estea funcionando en 2020 con todas as garantías de seguridade; así como a renovación das conexións ferroviarias de mercadorías de Galicia, aproveitando a chegada do novo ramal do Corredor Atlántico que conectará o noroeste peninsular”, engadiu.
Un cuarto apartado das propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular ten que ver co ámbito industrial e de emprego. En concreto, declárase o apoio a todos os sectores industriais de Galicia, demandando medidas específicas que garantan a continuidade do emprego nas centrais térmicas de As Pontes e Meirama; na factoría de Alcoa en San Cibrao; de Partner en A Coruña; MEGASA; Ferroatlántica; e a totalidade de empresas electrointensivas de Galicia, ao que se suma a demanda dunha nova estratexia de innovación para pequenas e medianas empresas e a planificación de novos ámbitos de solo residencial destinados á construción de vivendas protexidas nas cidades galegas.
No ámbito pesqueiro, o Grupo Popular amosa a preocupación pola crecente presenza de plásticos e mocroplásticos no mar, ao tempo que solicita o impulso de accións que faciliten unha remuda xeracional na pesca galega.
EMPREGABILIDADE DAS MULLERES
No que respecta ao emprego, as propostas de resolución demandan promover a empregabilidade das mulleres nos sectores industriais con maior presenza de homes; así como mellorar as condicións de traballo dos empregados públicos.
Dentro do apartado de servizos públicos, o Grupo Popular solicita a mellora do ensino galego, cunha aposta polos idiomas, as tecnoloxías e a innovación educativa; a definición dunha estratexia galega de Formación Profesional 2020-2030; e a modernización e racionalización das titulacións universitarias. No ámbito da sanidade, pide a execución dos 102 millóns de euros do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021; e demándanse, tanto á Xunta como ao Goberno central, recursos suficientes para a estabilización do persoal e as súas condicións laborais, así como para o estudo das novas enfermidade e os desafíos sanitarios. E, por último, en servizos sociais incídese na necesidade de ampliar as prestacións da Tarxeta Benvida; pero tamén demanda a actualización da Axenda Social Única no primeiro semestre de 2020; e o reforzo da atención ás persoas maiores na súa contorna.
As propostas de resolución do Grupo Popular tamén incorporan medidas dirixidas ao turismo e a cultura galega. Así, considérase fundamental o desenvolvemento do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, e tamén o fomento do turismo interior.
No ámbito cultural, solicítase a posta en marcha da Estratexia da Cultura Galega, desenvolvendo as súas 100 primeiras medidas no primeiro semestre de 2020; e reivindícase a colaboración de todas as institucións para celebrar o centenario da Xeración Nós e o impulso de medidas que fomenten a transmisión da lingua galega.
LEALDADE INSTITUCIONAL
Un último apartado das propostas de resolución do Grupo Popular incorpora medidas no ámbito institucional. En concreto, unha primeira esixe ao Goberno de España que reconduza as súas relacións coa Xunta baixo o principio de lealdade institucional, de xeito que non se tomen decisións unilaterais que afecten de xeito negativo ao exercicio de competencias de cadaquén.
Así mesmo, incídese na necesidade de reformar a Lei orgánica de réxime electoral xeral, de xeito que se dote de maior estabilidade ás institucións a través de mecanismos que garantan o acceso aos gobernos daquelas candidaturas que acaden un maior apoio popular nos distintos procesos electorais.
Outras propostas incluídas neste apartado van dirixidas á extensión á totalidade dos xulgados galegos do modelos de salas de vistas integramente dixitais; o reforzo da participación rexional nas institucións europeas, de xeito que se palíe as consecuencias da saída do Reino Unido da Unión Europea; que se favoreza a integración familiar e persoal das persoas retornadas; e a solidariedade co pobo de Venezuela, ante a grave crise económica, política e social que está a vivir este país, en especial as persoas galegas alí residentes.
Para rematar, un dos aspectos que o Grupo Popular considera máis relevantes dentro deste apartado é a condena rotunda de todo tipo de violencia contra a muller, ao tempo que tamén se condena todo tipo de violencia terrorista, felicitando ás forzas de seguridade do Estado polas actuacións que permitiron a desarticulación de grupos terroristas. Unha última, solicita que as distintas administracións leven a cabo actuacións encamiñadas en materia de memoria histórica.