Santiago, 18 de novembro de 2021.- O Grupo Popular incorpora nas súas emendas ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2022 e ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas unha liña de axudas para a adquisición de vivendas por parte da xuventude e posibilitar unha actualización dos contratos de obras públicas para paliar o impacto da falta de abastecemento e incremento do prezo dos materiais.
A recuperación da actividade económica en Galicia é un dos principais obxectivos das emendas aos orzamentos da Xunta rexistradas polo Grupo Popular. Así, en primeiro lugar impúlsase unha nova liña de axudas por parte da Xunta para que os mozos menores de 35 anos adquiran a súa primeira vivenda, garantindo con avais ata o 15 por cento do seu prezo. Deste xeito, a mocidade galega disporá de hipotecas polo 95 por cento do prezo da vivenda: ao 80 por cento que outorga a entidade financeira sumarase o 15 por cento cuberto por este aval da Administración galega.
COMPENSACIÓNS PARA A OBRA PÚBLICA
Outra das emendas vai dirixida a dar resposta á situación xerada pola crise de materiais que está a poñer en risco a viabilidade da obra pública, xerando incumprimento de prazos, incremento da posibilidade de paralización dos traballos e, mesmo, o abandono da súa execución. Para iso, o Grupo Popular propón, para aquelas obras que estean en execución a partir do 1 de xaneiro de 2021 e sempre que a variación do prezo dos materiais sexa superior a un 20 por cento respecto do recollido nos contratos e supoñan unha perda para o contratista superior ao 6 por cento, que a Xunta poida realizar, previa solicitude por parte do contratista, unha compensación económica ou unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto de licitación, que permita un abaratamento dos custos e non implique unha minoración na funcionalidade da obra.
As emendas do Grupo Popular tamén prevén unha rebaixa nas peaxes das autoestradas de titularidade da Xunta, deixando a suba para o 2022 no 2 por cento en lugar do que conlevaría aplicar o incremento do IPC ás tarifas, estimado en máis dun 5 por cento. A Administración galega asumirá nos orzamentos ese 3 por cento restante, de xeito que se iguala o incremento que pagarán os usuarios polas peaxes nas autoestradas autonómicas co que se aplicará por parte do Goberno central na autoestrada AP-9.
VEHÍCULOS ELÉCTRICOS, INVESTIGACIÓN E RESIDUOS
Ademais, entre as emendas do Grupo Popular tamén se recollen partidas para a compra de vehículos eléctricos por parte da Xunta (156.000 euros), para a contratación de mozos e mozas investigadores por parte das universidades galegas (4.800.000 euros) ou para a reutilización e reciclado de residuos téxtiles polas familias e institucións (máis de un millón de euros).
O Grupo Popular incide tamén na rebaixa do IRPF a todos os galegos para incrementar a renda dispoñible en mans das familias, fomentar o consumo e o investimento, e mellorando a competitividade das empresas.
No ámbito da sanidade, inclúese a creación da nova categoría de facultativo especialista de atención primaria, co fin de captar profesionais para atender as carencias de persoal existentes neste ámbito da sanidade pública galega. Esta categoría créase ante unha situación excepcional e non impide que se continúe incorporando persoal coas condicións actualmente vixentes nin afectará aos médicos que xa prestan os seus servizos no Sergas.