Santiago, 4 de outubro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, situou hoxe como “prioridades políticas” neste mes de outubro a celebración a vindeira semana do Debate sobre o Estado da Autonomía e, posteriormente, a tramitación dos orzamentos da Xunta para 2022. Así, dixo que existen “aspectos fundamentais que centrarán o debate, como aproveitar as oportunidades que se nos presentan cos fondos europeos, traballar sobre a base do contido do ditame da Comisión de Reactivación e acelerar os cambios necesarios para poder competir nos mercados”.
?Desde o @ppdegalicia afrontaremos o #DEA2021 co bagaxe do traballo feito, iniciado o camiño da recuperación, e confiando en procurar acordos e consensos e aprobar resolucións que contribúan a mellorar a economía e benestar en Galicia, sinala o voceiro Pedro Puy pic.twitter.com/Rh0RE4Kgjg
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 4, 2021
Pedro Puy explicou que os deputados do Grupo Popular traballarán nestes días tanto no que serán as intervencións dos seus portavoces como na elaboración das propostas de resolución que se presentarán no Debate sobre o Estado da Autonomía, convocado para o vindeiro 13 de outubro. “Estamos en condicións de render un bo balance de goberno desde que se celebraron as eleccións autonómicas, nun momento no que a situación sanitaria é excelente, cunha incidencia de 25 casos por 100.000 habitantes a 14 días, que nos vai permitir reducir as restricións para impulsar a recuperación económica”, apuntou.
A pesar desta situación, Puy recoñeceu que “queda moito por facer” e amosou a disposición do Grupo Popular de “procurar consensos e acordos” no Debate sobre o Estado da Autonomía “aprobando resolucións que contribúan a mellorar a economía e o benestar de Galicia”.
ÉXITO DA CONVENCIÓN DO PP
Respecto da convención celebrada polo Partido Popular durante a pasada semana, que comezou en Compostela e rematou onte en Valencia, o portavoz popular valorouna “moi positivamente” por tres aspectos principais: a participación de máis dun centenar de expertos plurais, o que permitiu un amplo debate de ideas e moita pluralidade; se demostrou que existe unha alternativa de goberno sólida, unida e apoiada non só por todos os que participan neste proxecto, senón tamén de dirixentes europeos; e pola presenza de Galicia, non só a través das intervencións directas dos representantes galegos, senón tamén polas referencias do propio Pablo Casado, especialmente as referidas á situación que viven as industrias electrointensivas.
?️Tanto no mundo das ideas, no aspecto de consolidar unha opción de goberno alternativa á actual,que é unha das bases fundamentais do sistema democrático, e pola participación da delegación galega, facemos unha valoración moi positiva da Convención @populares @ppdegalicia pic.twitter.com/7Sqt782lX4
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 4, 2021
Cuestionado sobre unha suposta deriva ideolóxica do PP, Pedro Puy sinalou que “todos os comentarios que estou escoitando teñen que ver co gran éxito desta convención, tanto nos apoios intelectuais como nos internacionais, así como pola imaxe de unidade e de que hai unha alternativa ao goberno actual potente, unida, organizada e apoiada polos equivalentes ideolóxicos da Unión Europea, que están exercendo o goberno e alonxados da ultradereita”.