Santiago, 9 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno central que adopte as medidas necesarias para reducir o impacto da nova tarifa eléctrica na economía das familias e na competitividade das empresas.
En concreto, solicítase a supresión do imposto sobre a produción de electricidade; a rebaixa da fiscalidade en consonancia cos países europeos; o traspaso aos orzamentos do Estado dalgúns dos custes regulados da tarifa eléctrica; conceder máis peso especifico ao termo de enerxía que ao de potencia; e ampliar o dereito de poder acollerse ao prezo voluntario ao pequeno consumidor ata potencias iguais ou inferiores a 15 kW para o consumidor doméstico.
? @MartaNovoaMarta defende revisar os tramos da factura eléctrica e que se suprima o imposto de electricidade, revisar a fiscalidade en consonancia cos países europeos do noso entorno xa que a parte impositiva da factura da luz española é das mais elevadas de Europa pic.twitter.com/KmY1C1CyTc
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 8, 2021
A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, explicou que “pechamos o mes de maio co prezo da luz máis elevado dos últimos 32 meses; cunha suba interanual dun 45,4 por cento para un usuario medio, que se traduce nunha factura mensual 30 euros máis cara que hai un ano”. “Unha suba inasumible pola meirande parte das familias, que hoxe, nun contexto de crise provocada pola pandemia da Covid-19, ven con dificultade como chegar a fin de mes”, apuntou.
Diante desta situación, Marta Nóvoa amosou a súa sorpresa porque “as manifestacións dos grupos da oposición en Galicia sexan pola implantación de enerxía renovable na Comunidade galega e non para defender o dereito de todos e todas a ter un prezo da luz razoable”.
IDEOLOXÍA RECADADORA DO GOBERNO CENTRAL
“Estamos diante dunha decisión política, que vén imposta pola ideoloxía recadadora dun goberno que coloca o prezo punta de luz no momento de maior consumo diario de enerxía cun único afán: o recadatorio”, sinalou a portavoz popular. Os horarios de maior consumo son desde as 10 ás 14 horas e das 18 ás 22 horas, “oito horas de prezo punta, que é máis do dobre do prezo valle, e que obviamente non compensan nin cambiando os hábitos de consumo”.
Marta Nóvoa dixo que “o problema é que milleiros de españois viron mermados os seus ingresos a raíz da pandemia sanitaria e teñen un Goberno que os abrasa a impostos, que acaba de subir a luz e xa avisa que o diésel subirá en breve, todo para manter un gasto público desorbitado a costa do español que traballa, das familias, dos autónomos e das microempresas”.
Respecto das medidas concretas propostas na proposición non de lei, a portavoz popular demandou “eliminar o imposto do 5,1 por cento á xeración eléctrica que grava a potencia e a enerxía consumida, supresión que xa se fixo por un tempo e que se traduciría nunha rebaixa do prezo da luz”.
RECADACIÓN POLA EMISIÓN CO2 PARA BAIXAR FISCALIDADE
Ademais, proponse revisar e harmonizar á baixa o IVE que grava toda a factura eléctrica, na liña dos países europeos da nosa contorna. Neste punto, Marta Nóvoa indicou que “a suba de impostos pola emisión de CO2 permitirá que o Goberno central recade este ano 2.200 millóns de euros, máis do dobre do que ingresou no pasado exercicio, importe que se podería dedicar a compensar a baixada da fiscalidade na factura eléctrica”.
Nóvoa pediu tamén “traspasar unha boa parte dos custes regulados na factura da luz aos orzamentos xerais do Estado, o que provocaría un descenso notable no importe da electricidade, pois os custes extrapeninsulares de enerxía deberían estar financiados polos orzamentos estatais e non polos consumidores”.
Outra medida demandada é ampliar o dereito de poder acollerse ao prezo voluntario ao pequeno consumidor (PVPC) ata potencias iguais ou inferiores a 15 kW, “protexendo aos máis necesitados que poidan quedar fóra do bono social”. “Debido á necesidade de ter que incrementar a súa potencia nos momentos máis baratos para poder poñer varios electrodomésticos á vez, estes consumidores poden pasar dos 10 kW e se poden quedar sen bono social, que ten nesa potencia o seu límite”, explicou.
Por último, Marta Nóvoa solicitou, en aras de potenciar o autoconsumo, que teña máis peso específico a parte de enerxía que o de potencia, “de xeito que se amortice de forma máis rápida o investimento realizado nas instalacións de autoconsumo”.