Santiago, 17 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá por unanimidade unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta de Galicia a continuar avanzando na implantación de medidas de eficiencia enerxética nos edificios administrativos e xudiciais, co fin de reducir o consumo enerxético, minimizar a emisión de gases de efecto invernadoiro e acadar o mellor aproveitamento posible das enerxías renovables, redundando todo elo nunha mellora da sostibilidade ambiental destes inmobles. Ademais, a Xunta deberá remitir ao Parlamento os resultados anuais do sistema de seguimento e avaliación da súa Estratexia de aforro e eficiencia enerxética.
O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira explicou que a Xunta de Galicia está a desenvolver o Plan de aforro e eficiencia enerxética da Administración Pública para o período 2015-2020, en cumprimento da directiva da Unión Europea sobre a eficiencia enerxética.
COMBUSTIBLE AUTÓCTONO
“Así mesmo, o actual Goberno galego puxo en marcha a Estratexia integral de impulso da biomasa 2014-2020 ao comprobar a conveniencia de fomentar o consumo deste combustible autóctono, menos contaminante e que permite colaborar ao desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia e á redución dos riscos de incendios forestais”, apuntou.
Jacobo Moreira manifestou que, dentro destas iniciativas, a Xunta está a acometer actuacións en materia de eficiencia enerxética nos edificios administrativos e xudiciais en tres ámbitos de actuación: un primeiro, cun proxecto piloto de renovación de caldeiras de biomasa en nove edificios xudiciais e un edificio administrativo; un segundo, coa instalación dun district heating no complexo de San Caetano que proporciona auga quente e calefacción a todos os edificios; e en terceiro lugar, coa execución de actuacións por un importe de 12,5 millóns de euros, a cargo de fondos FEDER e recursos propios, para reducir a produción de enerxía en case tres millóns de kwh ao ano.
EXEMPLARIDADE
Esta última actuación abranguerá unha mellora dos sistemas de iluminación artificial, coa substitución de halóxenos e bombillas de baixo consumo por lámpadas con tecnoloxía LED; a mellora dos sistemas de climatización; e optimización da envolvente dos edificios, mellorando o illamento térmico e aplicando sistemas de sombreamento para evitar a insolación directa.
“De acordo cos todos estes pasos que está a dar a Xunta de Galicia no impulso da eficiencia enerxética, desde o Grupo Popular consideramos necesario que se estendan estas medidas á mellora da eficiencia enerxética dos edificios administrativos e xudiciais da Xunta de Galicia”, afirmou o deputado popular.
Ademais, salientou que este tipo de medidas adoptadas pola Administración Pública, “ademais de servir para lograr o obxectivo principal de reducir o consumo enerxético e as emisión de CO2, tamén teñen un compoñente de exemplaridade de cara a sociedade”.