Santiago, 5 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda que o Goberno central asine a orde de construción das cinco fragatas F-110 da Armada Española no estaleiro de Navantia antes de que remate 2018 e garanta tamén os investimentos tecnolóxicos e das infraestruturas necesarias para promover a conversión desa factoría nun estaleiro 4.0.
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, destacou “a importancia desta iniciativa, xa que afonda no futuro de Ferrolterra, unha comarca que non se entendería sen un sector estratéxico como o naval”. Neste senso, instou ao Goberno central a que abandone “os paos nas rodas, as escusas e as mentiras” e aposte por Ferrol. Por iso, solicitoulle que antes de que finalice o presente ano aprobe a orde de execución das Fragatas F-110.
“O compromiso do PP con este proxecto foi indiscutible”, salientou Tellado, quen fixo fincapé en que nos orzamentos xerais para 2018, que “Pedro Sánchez denostou, consignouse unha partida de 252 millóns de euros para as fragatas”. Neste senso, dixo que tan só quedan catro consellos de ministros para activar uns fondos que, de non aprobarse dita orde, se perderán.
O programa das Fragatas F-110 contempla a construción de cinco unidades, cun custo aproximado de 4.000 millóns de euros e que suporá unha oferta de emprego para 7.000 persoas. O proxecto recolle, ademais, unha partida de 400 millóns (o 10 por cento do orzamento) para a modernización das instalacións dun estaleiro que data do século XVIII. Este investimento suporía actuacións de novos peiraos, dun novo dique cuberto, talleres, maquinaria, entre outros traballos.
Tal e como apuntou Tellado, de Navantia Fene-Ferrol dependen ao redor de 15.000 empregos: máis de 2.000 directos nos estaleiros públicos, arredor de 1.800 na industria auxiliar e sobre 11.000 postos de traballo indirectos. “Navantia supón o 16 por cento do PIB industrial da provincia da Coruña e, en termos de emprego, o 24 por cento do emprego industrial provincial”, salientou.
AS CONSECUENCIAS DOS GOBERNOS SOCIALISTAS
O viceportavoz popular amosou o seu malestar pola actitude do novo Goberno socialista ante o sector naval galego: “Indolente, despreocupada e irresponsable”. “Estamos preocupados porque sempre que gobernou o PSOE ao naval galego foille mal”, engadiu. Recordou así as reconversións dos anos 80 e do 2005 da man de Rodríguez Zapatero; así como o veto produtivo durante case 30 anos que impediu á antiga Astano dedicarse á construción naval convencional.
“Pensamos que Zapatero fora un presidente nefasto para a nosa ría, pero Pedro Sánchez é aínda peor”, lamentou Tellado, quen engadiu que “Zapatero non conseguiu ningún contrato en cinco anos, pero Pedro Sánchez puxo en risco, en menos de cinco meses, os contratos que xa había: o das corbetas para Arabia Saudí e o das F-110”
Tellado contrapuxo o parón que sufriu este proxecto durante os mandatos de Rodríguez Zapatero, onde permaneceu “metido nun caixón”; ao impulso decidido por parte do Goberno do Partido Popular. Foi no 2015 cando se aprobou un investimento de 135 millóns de euros para avanzar no proxecto tecnolóxico do mástil do buque, e foi tamén cando se iniciou o investimento de 20 millóns de euros para que Navantia comezase a fase de definición do deseño da plataforma das futuras Fragatas F-110.
Para Tellado, Navantia está a sufrir as consecuencias dos gobernos socialistas pola falta de pedidos. Así, tal e como recordou, nos últimos cinco anos do executivo de Rodríguez Zapatero non se conseguiu nin un só contrato para os estaleiros de Ferrol. Un escenario totalmente contrario ao período 2014-2018, cando o Goberno de Mariano Rajoy obtivo contratos para a ría de Ferrol por un importe de 1.700 millóns de euros.