Santiago, 23 de decembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou no Parlamento galego que a sentenza sobre a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público “é unha vitoria que demostra a superioridade moral da democracia e o Estado de Dereito sobre a ditadura e o valor da unidade para ganar batallas que parecían imposibles”. Deste xeito, avogou por “manter a unidade, porque a división pode favorecer aos recorrentes, algo que non desexamos ningún dos presentes nesta Cámara”.
Porén, Pedro Puy lamentou que o BNG rexeitase un consenso no Parlamento galego para determinar os usos complementarios do Pazo de Meirás previstos na súa declaración como BIC, a cesión a Galicia da xestión do Pazo e a organización dunha homenaxe ás entidades memorialistas. Así mesmo, criticou que “o PSdeG non apoiara esta transferencia a Galicia, que foi quen sufriu o espolio orixinario, da xestión do Pazo de Meirás”.
USOS PREVISTOS
Pedro Puy sinalou que “non debería resultar difícil chegar a un acordo, porque os usos futuros veñen xa determinados, dalgunha maneira, na fundamentación da declaración como BIC do Pazo de Meirás en 2008”. En concreto, apuntou que “en primeiro lugar prevense usos relacionados coa historia dun inmoble que está e deberá estar vencellado coa personalidade de Emilia Pardo Bazán, que concibiu e erixiu o chamado Pazo de Meirás; e a figura do ditador que usurpou e mantivo ata hoxe este inmoble; así como tamén usos compatibles cos que decida o pobo de Sada”.
Na súa intervención, o portavoz popular deu as gracias “a quen máis e durante máis tempo fixo para chegar á recuperación do Pazo de Meirás”. Así, referiuse “ao traballo das persoas e entidades memorialistas que ao longo das últimas catro décadas se significaron, con lucidez histórica, na devolución do Pazo de Meirás e en poñerlle fin á impunidade do expolio de bens públicos polo ditador e a súa familia”.
Así mesmo, felicitou e agradeceu o traballo dos historiadores que, “durante un longo tempo dedicaron o seu esforzo investigador a demostrar con rigor académico os feitos que posibilitaron a apropiación pola familia Franco das Torres de Meirás”.
E, en terceiro lugar, recoñeceu “o traballo dos xuristas que, a través das comisións creadas pola Deputación, a Xunta, a instancias do Parlamento galego e da Avogacía do Estado, teceron a demanda que resultou ganadora en primeira instancia”.
REFÉNS DO PASADO
“Moitos aprenderon e aprendemos que boa parte dos españois foron e fomos reféns no pasado do relato construído desde o propio franquismo, como de feito ocorreu, e hoxe o sabemos, co relato sobre o Pazo de Meirás”, indicou.
Pedro Puy lembrou que “o Grupo Popular impulsou en solitario en 2017 a posta en marcha da comisión de expertos creada pola Xunta e que elaborou, desde a pluralidade e o rigor técnico, unha proposta de acción legal que propiciou a unanimidade deste Parlamento, en xullo de 2018, para instar ao Estado a emprender as accións legais oportunas para a restitución do Pazo de Meirás”.
“Un ditame que, como vén de declarar a Avogada Xeral do Estado, fixo mudar a posición desta Avogacía, xunto co fundamental apoio documental aportado por Babío e Pérez e a propia aportación do Colexio de Notarios da escritura da transmisión do Pazo de Meirás do ano 1938”, engadiu.