O Partido Popular de Galicia empregará “Galicia Goberna” como novo lema a partir deste sábado para conmemorar o primeiro aniversario da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda logo de que “os galegos dixeran si á Galicia que funciona, á estabilidade, á xestión, ao sentidiño e a catro anos máis de confianza no Partido Popular”.
Así o anunciou esta mañá a secretaria xeral Paula Prado nunha rolda de prensa na que explicou, entre os principais motivos polos que se pode afirmar que Galicia goberna é “porque presta atención ao que debe e arranxa os principais problemas das persoas, porque é quen de gobernarse ela mesma sen débedas impagables, peaxes, obrigas con terceiros nin rescates; e porque, a diferenza do Goberno de Sánchez, en Galicia hai un Goberno que goberna”.
Apuntou nesta liña que “a diferenza do Executivo estatal, aquí si temos un Goberno forte, centrado e unido que non perde o tempo en leas internas nin nos xulgados”; ao tempo que subliñaba que “Galicia goberna en acceso á vivenda, en apoio á mocidade, en impulso ao emprego ou en conciliación e fronte a unha oposición que desde o día despois das eleccións só tratou de paralizar a Comunidade”.
“Galicia goberna porque os galegos elixiron gobernar e non bloquear e porque en Galicia mandan os galegos e galegas”, concluíu Paula Prado explicando que todo isto é o que o PPdeG celebrará este sábado 15 de febreiro nun acto multitudinario que terá lugar en Santiago de Compostela.
Un acto no que os populares galegos lembrarán que o 18 de febreiro de hai un ano “os galegos e as galegas apostaron firmemente pola Galicia que funciona” e no que o presidente Alfonso Rueda estará arroupado por máis dun milleiro de persoas. Entre elas atoparanse membros do Goberno galego, deputados, senadores e representantes dos 313 concellos, así como o presidente Alberto Núñez Feijóo.
UN 18-F DE GRANDES FITOS
Paula Prado quixo remarcar que as eleccións autonómicos supuxeron unha serie de fitos que “non convén esquecer” e entre os que destacou que o PPdeG recibiu 711.713 votos, máis que BNG, PSOE e Sumar xuntos.
Ademais, Alfonso Rueda logrou o seu triunfo con récord de participación nas urnas (votaron o 67,3% dos galegos) e converteuse, cun 47,41% de apoio, no presidente autonómico con máis apoio na súa comunidade.
A secretaria xeral do PPdeG tamén puxo en valor que o partido presentou o programa máis completo de todos os partidos, con 870 medidas, e que celebrou o mitin máis multitudinario da campaña. Trátase do que tivo lugar na Praza de Touros de Pontevedra e no que se deron cita 14.000 persoas.
PACTO POLA LINGUA
Paula Prado recordou que a proposta electoral do BNG no que se refire á lingua era “un modelo de inmersión lingüística cun ensino totalmente en galego” e recordoulle a Ana Ponton que os galegos e galegas non apoiaron esa proposta nas urnas e seguen sen apoiala a día de hoxe.
Algo que na súa opinión se constata cos resultados dunha enquisa encargada recentemente polo Goberno galego e na que se conclúe que “só o 1% das familias galegas optarían polo modelo de inmersión lingüística nas aulas do BNG”.
“Mentres algúns queremos facer avanzar Galicia, outros seguen instalados en entorpecer”, engadiu facendo referencia ao acontecido onte na reunión para renovar o Plan xeral de normalización lingüística, na que “o independentismo deixou caer a máscara e mostrou que non queren un acordo polo galego, senón que o seu único obxectivo é rachar con todo”.
Tamén no día de onte, no Parlamento de Galicia, todos os presentes asistiron ao que en palabras de Paula Prado foi “un boicot vergoñento claramente teledirixido polo BNG e ante o silencio atronador dos socialistas galegos”.
Fronte a todo isto, concluíu, o Goberno galego seguirá dialogando desde o convencemento de que “a nosa lingua é para unir e non para dividir” e consciente de que “o coñecemento dos profesionais que nas mesas de traballo si queren mirar cara o futuro é clave para trazar o mellor camiño para o galego”.