O portavoz da área de Vivenda e Urbanismo do Grupo Parlamentario Popular, Moisés Rodríguez, dixo hoxe que o programa estatal Casa47 non está pensado nin para a mocidade, nin para as familias con menos recursos nin tampouco para a clase media traballadora, que son, apuntou, “os que realmente sofren o problema da vivenda”.
Tras cualificar esta medida de “chapuza”, o parlamentario popular avogou pola implantación de solucións reais e non por “unha marca creada para intentar tapar a mala xestión” do Executivo de Pedro Sánchez. Neste senso, sinalou as eivas de Casa47: escaseza de oferta –só 99 vivendas en toda Galicia; un prezo dos alugueiros superior á media do mercado; o feito de que non se empregue o Rexistro único de demandantes e que os inmobles carezan de cualificación permanente como vivenda pública. Para Moisés Rodríguez, Casa47 resume a política de vivenda de Pedro Sánchez: “Moito anuncio, moita foto e só propaganda”.
Por todo iso, a iniciativa do Grupo Popular avoga pola transparencia nos criterios de adxudicación, a protección permanente das vivendas públicas, o emprego do Rexistro único de demandantes e a coordinación coa Xunta nas zonas nas que realmente hai demanda.
DOUS MODELOS DISTINTOS
Durante a súa intervención, aproveitou para sinalar que, fronte á improvisación e aos anuncios do Goberno de España, Galicia ofrece solucións reais. Así, a Xunta, tras adquirir vivendas da Sareb nos municipios da Coruña, Lugo, Cee e Sarria, cualificounas como vivenda pública con protección permanente e con prezos públicos que poden estar arredor de 150 euros.
“O sanchismo, sempre coa axuda gratis dos nacionalistas galegos, pretende poñer unha venda a un problema que leva anos agravándose, precisamente, pola inacción do Executivo central”, engadiu o deputado popular.
OITO ANOS DE FRACASO
“Non hai parche suficiente para tapar oito anos de fracaso”, incidiu Moisés Rodríguez, quen apuntou a que o problema de fondo é evidente: “Falta vivenda, falta solo dispoñible, falta vivenda pública e protexida, falta construción e sobra inseguridade”. Para o deputado popular, o Executivo de Pedro Sánchez pretende resolver en días o que non foi quen de solucionar en todos estes anos.
“O decreto é unha tomadura de pelo”, denunciou. E afondou en que a solución non pasa por crear relatos que non se axustan á realidade, senón por brindar seguridade tanto a propietarios como a inquilinos e, sobre todo, por aumentar a oferta.
Por último, acusou a nacionalistas e socialistas galegos de practicar a submisión a Sánchez e a traizón a Galicia por estar aplaudindo decisións que están a prexudicar a comunidade: “Mentres a Xunta cumpre co seu deber, xestiona con rigor e apoia as familias con políticas serias, o Goberno central castiga aos que cumpren, co aplauso cómplice da esquerda galega”.