O portavoz da área de Vivenda e Urbanismo do Grupo Parlamentario Popular, Moisés Rodríguez, dixo que todos os anuncios e apostas do Executivo de Pedro Sánchez en materia de vivenda remataron “nunha estafa”: “Mentiron co número de vivendas que porían no mercado, co decreto sobre os desafiuzamentos e, tamén, coa Lei de vivenda”.
Para o parlamentario popular, a declaración de zonas tensionadas é “a maior expresión da hipocrisía” por non ser a solución ao problema da vivenda, xa que, tal e como se viu nas cidades onde se aplicou, provocou a caída da oferta. Neste senso, referiuse aos datos da Coruña: nun ano, máis dun 52 % menos de contratos de aluguer. E apuntou que menos vivenda no mercado significa máis dificultades para quen busca alugueiro.
RECURSOS INSUFICIENTES
Durante a súa intervención e tras reclamar máis investimentos, Moisés Rodríguez incidiu en que “os recursos do Estado seguen sendo claramente insuficientes”. E é que, tal e como explicou, dos 90 M€ anunciados polo Executivo de Pedro Sánchez en axudas reservadas aos territorios declarados como zonas tensionadas, só 5,5 millóns corresponderían á Coruña e a Santiago de Compostela, unha cifra que non chega nin para financiar 30 vivendas públicas. Pola contra, a Xunta ten prevista a construción de máis de 1.400 vivendas públicas entre as dúas cidades e o desenvolvemento de solo para arredor de 8.000 máis.
Fronte á política de “escaparate” e de intervencionismo Goberno central, sinalou que a Xunta incrementou a oferta de vivenda pública, promove a vivenda protexida, mobiliza solo, rehabilita inmobles e ofrece seguridade e incentivos para incorporar máis vivendas ao mercado: “Mentres uns interveñen no mercado, Galicia constrúe; mentres uns anuncian, Galicia executa; mentres uns fan política coa vivenda, a Xunta fai vivenda”. Moisés Rodríguez aproveitou para recordar os 350 M€ que o Goberno de Alfonso Rueda destina, este ano, a este eido.
Ao abeiro da iniciativa do Grupo Popular, o parlamentario reclamou “máis lealdade institucional e menos polémicas artificiais; un reparto xusto dos fondos e non discrecional, e menos dogmas e máis datos”.
A “CHAPUZA” DE CASA47
Por outra banda, o Parlamento de Galicia aprobou, tamén, a proposición non de lei do Grupo Popular relativa a reclamar a corrección inmediata do portal web Casa47. A iniciativa saíu adiante co voto favorable do Grupo Popular, BNG e de DO, logo dunha transacción que pide incorporar varios puntos con demandas para que as vivendas da Sareb se integren no parque público de vivenda da Xunta.
O programa estatal de vivenda, ao que o portavoz da área de Vivenda de “chapuza”, por presentar prezos inflados, falta de transparencia legal e unha oferta ridícula de só 99 vivendas para toda Galicia. Fronte a este modelo, a Xunta responde con feitos a través das máis de 4.000 novas vivendas de promoción pública en marcha.