Paula Prado participou nun almorzo de traballo en Santiago con deputados nacionais e senadores do partido
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado lamentou que, pasados 40 días dende a reunión entre Alfonso Rueda e Pedro Sánchez, a resposta do Goberno central sexa o silencio e un “0% no grao de cumprimento” coa Comunidade: “O alumno Sánchez suspende en todos e cada un dos compromisos que tiña asumidos con Galicia”.
Durante un almorzo de traballo con deputados nacionais e senadores do PPdeG celebrado en Santiago, Prado recordou os grandes compromisos que o presidente do Goberno adquiriu na súa xuntanza co líder autonómico e que poderían realizarse de ter demostrado vontade política: apoiar os investimentos que precisan Stellantis, Altri e outras empresas estratéxicas, e constituír mesas de seguimento sobre a situación da A-6 e a entrega dos trens Avril, que permitirán levar a alta velocidade a máis cidades galegas.
“A verdadeira cara do presidente Sánchez é anunciar que vai estar co primeiro ministro alemán na Coruña, pero nos prazos da chegada da alta velocidade ferroviaria a toda Galicia o único que recibimos é silencio”, sinalou ironizando con que “o aeroporto de Alvedro pódese ir preparando para a chegada do Falcon, xa que o Goberno central é tan xeneroso en titulares como parco en proxectos e compromisos cumpridos para Galicia”.
Prado fixo un repaso dos “deberes” que lle puxo Galicia a Sánchez como a chegada dos trens Avril a toda Galicia, impulsar todos os proxectos estratéxicos dos fondos Next Generation, sumarse ás medidas pola Sanidade pública reclamadas por sete Comunidades para paliar a falta de médicos, informar do que realmente ocorreu no viaduto da A-6 e buscar solucións efectivas, rematar infraestruturas viarias necesarias como a autovía Lugo-Santiago, reactivar a transferencia da AP-9, acordar o traspaso da xestión do Dominio Público Marítimo-Terrestre ou achegar os medios técnicos e humanos para coñecer as causas reais e intentar recuperar os corpos do pesqueiro afundido Villa de Pitanxo. Segundo explicou, ante todas estas peticións, “o compromiso real de Sánchez real con Galicia é cero”.
DEFENDER GALICIA DOS ATAQUES DO GOBERNO CENTRAL
A secretaria xeral do PPdeG puxo en valor o traballo dos 13 senadores e 10 deputados galegos que, dende as Cortes Xerais, defenden a Galicia ante os “ataques frontais” do Goberno central, salientando a necesidade de “propostas e proxectos” fronte a “derrubamentos e insultos”.
De feito, a deputada Marta González destacou o labor dos populares dende o Congreso, onde nos últimos meses presentaron numerosas preguntas e iniciativas para recibir información sobre o “gran fracaso” que está supoñendo a xestión dos fondos europeos por parte do Executivo central, desaproveitando unha ferramenta clave para a recuperación trala pandemia.
Nese senso, lembrou que de once PERTE aprobados cunha contía global de 33.000 millóns de euros só se convocou a quinta parte, provocando, ademais, malestar entre os sectores porque as demandas do Estado non se axustan á realidade. Por este motivo, asegurou que os deputados nacionais do PPdeG seguirán insistindo “o máximo posible nas demandas galegas”.
Pola súa parte, o senador José Manuel Barreiro indicou que, na Cámara Alta, os populares centráronse especialmente nas propostas relacionadas coas infraestruturas, presentando iniciativas sobre catro cuestións fundamentais para a nosa Comunidade en materia ferroviaria: a mellora do ancho de vía, avanzar na conexión Vigo-Oporto, incluír o Corredor Atlántico nas autoestradas ferroviarias e a chegada dos tren Avril á Comunidade.
“Non buscamos que se lle dea máis a Galicia, senón que non se lle saque o xa tiña”, subliñou remarcando a importancia de que o Executivo central cumpra os compromisos que o Goberno de Mariano Rajoy tiña adquiridos coa nosa Autonomía e que aínda non son unha realidade.