O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, continuar coa promoción de acordos de colaboración en materia de protección civil coas Comunidades autónomas limítrofes. A iniciativa do Grupo Parlamentario Popular, que tamén inclúe o reforzo da cooperación transfronteriza con Portugal para a atención conxunta das emerxencias, saíu adiante por unanimidade.
A deputada popular, Felisa Rodríguez, incidiu en que o sistema de emerxencias galego é un dos máis avanzados, eficaces e recoñecidos de Europa, “exemplo de profesionalidade, innovación e servizo público”. Con esta proposición non de lei, búscase, dixo, “reforzar o que xa se está a facer, dándolle continuidade e maior capacidade de resposta”. E é que, tal e como salientou, consolidar os mecanismo de colaboración, non só favorece a unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles, senón que tamén a aumentar a seguridade da cidadanía.
Subliñou que Galicia está a demostrar un liderado neste ámbito, grazas a un modelo baseado na anticipación, a coordinación real e a cooperación sen fronteiras, construíndo, deste xeito, “unha rede de colaboración sólida con Asturias, Castela e León e Portugal”. Así mesmo, fixo fincapé a súa participación en proxectos europeos estratéxicos –como o Firepoctep, Interlumes, Ariem112 ou Protempo- que reforzan a súa capacidade operativa e a innovación no sistema de emerxencias.
UN MARCO FINANCEIRO EUROPEO QUE BENEFICIE A GALICIA
Durante a Comisión 1ª, tamén, se debateu a proposición non de lei do Grupo Popular na que se insta ao Goberno central a que convoque, de maneira urxente, a Conferencia para asuntos relacionados coa Unión Europea, co fin de abordar o futuro marco financeiro con todas as comunidades autónomas.
Neste senso, a deputada da área de Exteriores e Cooperación, Kathy Varela, advertiu de que a proposta presentada pola Comisión Europea introduce un cambio de modelo que “supón unha ameaza directa para a política de cohesión”. Así, explicou que a concentración dos fondos en instrumentos de carácter xeral, o reforzo de plans nacionais únicos e a tendencia a unha maior centralización na toma de decisión “prexudican de forma directa a comunidades como Galicia, con realidades económicas, socias e territoriais específicas que non poden ser atendidas mediante solucións uniformes nin desde enfoques centralizados”.
Kathy Varela lamentou a “actitude de indefinición” do Goberno central ante esta proposta, así como tamén, a o desinterese por escoitar ás comunidades, tal e como quedou de manifesto na última conferencia celebrada. Así, a iniciativa, que foi aprobada por unanimidade, avoga pola convocatoria dunha nova reunión monográfica sobre o marco financeiro plurianual. “O debate da proposta europea avanza no Parlamento Europeo, na Comisión, no Consello e no Comité das rexións sen unha postura coordenada entre as comunidades e o Goberno central”, lamentou.