23, xaneiro, 2019. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que o PPdeG decidiu reaccionar ao insulto que supón o borrador de Orzamentos Xerais do Estado presentado polo Goberno e, por este motivo, presentará unha moción en todos os concellos de rexeitamento a estas contas, que sofren un “recortazo” do 19% en Galicia mentres os investimentos medran máis dun 50% en Cataluña.
Tal e como recoñeceu, estes presupostos consagran a folla de ruta do Goberno socialista: unha subida masiva de impostos, que pagarán todos os españois, non só os ricos; traerán máis déficit e máis débeda, xa que cando os ingresos son ficticios, xéranse buratos nas contas públicas como ocorreu co bipartito; e cos que Pedro Sánchez pretende que todos os españois “sigamos pagando a súa campaña electoral”.
De todos xeitos, Tellado amosou confianza en que non todos os socialistas galegos pensan igual: “cremos que moitos non están de acordo con Gonzalo Caballero nin con Javier Losada, que cren que estes son os Orzamentos que merece Galicia; non están de acordo con que se discrimine á Autonomía para beneficiar aos independentistas cataláns; e non están de acordo coa liña que segue o seu partido, que é a de supeditar os intereses de toda Galicia e de toda España á simple supervivencia política de Pedro Sánchez”. “Imos darlle a oportunidade de que se signifiquen e demostren se elixen a Galicia ou a Pedro Sánchez”, engadiu mentres resaltaba a importancia de que non actúen como Javier Losada, “que máis que o delegado do Goberno na nosa Comunidade parece o delegado da Generalitat en Galicia”.
AS FRAGATAS F-110, UN CONTRATO ASINADO CON RETRASO
Por outra banda, o secretario xeral tamén amosou a súa preocupación polo compromiso insuficiente do Goberno coa execución do proxecto das fragatas F-110. Así, malia afirmar que o asinamento da orde de execución é unha boa noticia, precisou que a realidade é que o contrato xa se puido desbloquear hai máis de medio ano pero o Goberno dilatou un proceso que conta desde o mes de xuño con 252 millóns de euros incluídos nos Orzamentos de 2018.
De feito, recordou que o Executivo comprometeuse a firmar o contrato das fragatas F-110 antes de rematar 2018 e agora fala da primavera deste ano, un retraso que os populares consideran inaceptable para os traballadores de Navantia. Nese senso, insistiu en que non é aceptable que o PSOE queira converter un proxecto que redactaron e puxeron en marcha os gobernos do Partido Popular nun acto de campaña electoral, levando a súa sinatura definitiva ás semanas previas ás municipais.
Por isto, pediu un maior compromiso tanto a nivel orzamentario, como de execución das fragatas, nun momento no que Navantia necesita estabilidade, ademais de solicitar ao Goberno que concrete as partidas dentro do Plan estratéxico que se destinarán para a modernización dos estaleiros.
MÁIS COMPROMISO CON ALCOA
Sobre a situación de Alcoa, o número dous do PPdeG tamén se pronunciou indicando que agardan que o Executivo nacional reaccione dunha vez e fixe un marco enerxético estable para manter o emprego da empresa.
“Compartimos cos traballadores as súas demandas, esixindo ao Goberno máis compromiso e menos improvisación en materia de política enerxética, porque é un problema enerxético que obriga ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a dar solucións e non refuxiarse tras o Ministerio de Industria”, aseverou.
Por último, salientou que desde a Xunta se continúa a defender a unidade de acción que ten permitido acadar un preacordo entre Alcoa e o comité de empresa para salvagardar o emprego ata o 30 de xuño e lembrou que en ocasións anteriores -durante os gobernos de Mariano Rajoy- si se actuou con máis dilixencia, encontrouse unha saída e obtívose un resultado favorable.