Santiago, 29 de maio de 2017.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se propoñen diversas medidas dirixidas a adaptar o actual ordenamento xurídico para dar respaldo tanto ás forzas de seguridade do Estado como aos tribunais de Xustiza nas actuacións ante a problemática da ocupación ilegal de vivendas.
O portavoz popular, Pedro Puy, sinalou que na actualidade “os procedementos para que os propietarios recuperen as súas vivendas son longos e penosos, ao tempo que non conlevan apenas consecuencias para aqueles que os realizan”.
REFORMAS DE NORMAS ESTATAIS
Diante desta situación, desde o Grupo Popular proponse que o Goberno central mellore o marco normativo que regula o delito de usurpación de inmobles. En concreto, a modificación do artigo 245 do Código Penal co fin de reorientar e adaptar o tipo penal de usurpación á situación actual; a previsión dun procedemento ou xuízo rápido ou inmediato que axilice o tempo dos litixios derivados da ocupación ilegal de inmobles; e realizar modificacións lexislativas para reforzar e posibilitar a adopción de medidas tendentes ao desaloxo de inmobles dende o primeiro momento de apreciación de indicios de infracción penal.
“Aparte destas reformas de normas estatais, hai que promover acordos entre a Delegación do Goberno e a Fiscalía para que os delitos relacionados coas ocupación de vivendas sexan tratados en xuízos rápidos e resolver un problema que non só afecta aos propietarios senón tamén aos veciños das vivendas adxacentes”, indicou Puy.
Por último, a proposición non de lei incorpora a posibilidade de que naqueles casos nos que os ocupantes sexan familias en risco de exclusión social, se arbitre en colaboración cos concellos as medidas necesarias para o seu realoxo a través dos distintos programas postos en marcha pola Xunta de Galicia.
SOLUCIÓN AOS ATASCOS DA AP-9
Por outra banda, e cuestionado sobre os atascos que ocorren na AP-9, Pedro Puy subliñou que tanto desde o Goberno galego como desde o PPdeG “estase a actuar para que a realización destas obras, demandadas desde instancias políticas, non afecten aos usuarios máis da conta”. Neste sentido, lembrou que “a Xunta xa se ten dirixido á Secretaría de Estado de Infraestruturas e á propia empresa concesionaria para que apuren as obras e solucionen estes problemas”.
O portavoz popular tamén se amosou seguro de que “este será un dos temas nos que o Goberno galego fará especial fincapé na vindeira reunión da Comisión de coordinación entre o Estado e a Xunta para a xestión da AP-9”.
MAN TENDIDA DO GRUPO POPULAR
Por último, sobre o papel da oposición no Parlamento, Puy subliñou que “a postura do Grupo Popular é a de colaborar para que funcione ben o Parlamento e para promover e aprobar todo aquilo que sexa bo para o pobo de Galicia”. “O máis cómodo para nós é os grupos que non fan ningunha proposta e se dedican a insultar”, manifestou.
“O noso grupo ten a man tendida para avanzar en calquera solución de calquera problema que teña calquera cidadáns de Galicia, así como para facer deste Parlamento unha Cámara plural e que represente aos galegos”, indicou