O Partido Popular de Galicia reclama ao Goberno de Pedro Sánchez que garanta a mobilidade nos concellos galegos asegurando o mantemento das 22 paradas que o novo mapa de concesións de liñas de autobús estatais pretende suprimir e recuperando as xa suprimidas.
Con este obxectivo e en aras de defender o dereito dos galegos e galegas a unha mobilidade axustada ás especificades poboacionais do territorio, os populares presentarán unha moción en todos os concellos afectados e organizarán recollidas de firmas entre a veciñanza dos mesmos. Unha acción encabezada polo coordinador de Infraestruturas e Territorio do PPdeG, Antonio Ameijide.
“O Goberno central debe garantir por lei a maior conectividade posible nas zonas rurais, ademais de dotar orzamentariamente e de forma suficiente os novos mapas concesionais para garantir o servizo de transporte público”, defenden sinalando que que a reestruturación de liñas de autobús estatais proposta vai no sentido contrario e ademais afectaría de xeito moi negativo aos veciños de 22 concellos galegos. En total, veríanse afectados máis de 130.000 galegos.
Nesta liña afirman que o novo mapa concesional de transporte por estrada de competencia estatal no que traballa o Goberno de Sánchez suporía deixar aos concellos de Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova, Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Rios, A Rúa, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño sen parada. De feito, neste último e noutros, as paradas da liña estatal xa foron suprimidas.
“Esta decisión é inadmisible para estes municipios polo seu gran impacto social, económico e territorial”, conclúen desde o PPdeG e por iso na súa moción instan ás diferentes corporacións municipais a trasladar ao Goberno de España dúas demandas claras en nome dos seus veciños.
A primeira, garantir a mobilidade dos veciños dos distintos municipios galegos retirando a proposta do mapa de concesións estatais de liñas de autobús, mantendo as paradas que se pretenden suprimir e recuperando as xa suprimidas.
Seguidamente, que calquera proposta que pretenda establecerse en relación con este servizo de mobilidade incorpore as demandas trasladadas desde Galicia para garantir así que se teñan en conta as peculiaridades xeográficas e de poboación da Comunidade e se preste especial atención ás conexións do e no rural.
UNHA PROPOSTA FEITA DESDE A IMPOSICIÓN
Os populares galegos recordan que en 2022 tivo lugar un primeiro intento por parte do Goberno de Sánchez de impoñer un novo mapa de rutas de autobús estatal que “provocou gran alarma e alegacións tanto entre os gobernos autonómicos como entre a cidadanía” porque nel xa se prevía a supresión de paradas e rutas.
A pesar de que no seu momento se retirou esta proposta ante o rexeitamento que provocou, o Executivo estatal, lonxe de rectificar, volveu propoñer un novo mapa concesional co que “retomaba a indisimulada intención de suprimir paradas e rutas en termos semellantes aos do ano 2022”.
“A nova proposta faise desde a imposición, sen contar coas comunidades autónomas e sen atender nin ás alegacións presentadas desde Galicia nin ás peticións dos veciños afectados”, sosteñen no PPdeG destacando que o Goberno galego sempre defendeu que se tiveran en conta as peculiaridades xeográficas e poboacionais da Comunidade e se prestase especial atención ás conexións rurais.
De aí que conclúan denunciando que “con este modo de entender o servizo público, Pedro Sánchez pon por riba do equilibrio territorial criterios económicos que só levan ao deterioro do transporte público e que van en contra de comunidades como Galicia, dos dereitos dos concellos do rural, da igualdade de oportunidades dos seus veciños e do obxectivo de acadar o asentamento poboacional”.