Santiago, 11 de xaneiro de 2017.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, reprochou á oposición que, no debate sobre os orzamentos, pida desandar o camiño andado nas dúas pasadas lexislaturas. “PSdeG, As Mareas de Podemos e BNG pedirán máis impostos e máis débeda pública”, dixo.
Tal e como indicou, segundo os documentos que presentaron no Parlamento, todos os partidos propoñen unha forte subida do IRPF e a creación de novos tributos, que supoñerían unha subida media de 200 euros anuais nos impostos que pagaría cada contribuínte galego. Deste modo, Tellado manifestou que baixo eufemismos como “política de ingresos non conformista” ou “maior soberanía fiscal”, a esquerda reclama unha “navallada fiscal” por riba dos 200 millóns de euros.
Pola contra, asegurou que “as contas de 2017 volverán poñer negro sobre branco o modelo de xestión económica do PPdeG”. Tellado salientou que este modelo se fundamenta “no rigor na xestión das contas públicas, na aposta pola creación de emprego e a modernización dos sectores produtivos e nas baixadas de impostos unha vez superadas as dificultades financeiras”. “O noso modelo é moi claro. Galicia aplicouno fielmente desde 2009 e os cidadáns premiárono nas urnas en repetidas ocasións”, engadiu.
“Mentres no PPdeG cremos que o incremento de recursos da administración ten que vir dado da mellora da economía, a oposición cre que ten que vir de esquilmar aos cidadáns, que tantos esforzos fixeron durante a longa recesión”, admitiu incidindo en que, ademais, tamén piden aumentar a débeda pública, “non só para afogar ás xeracións presentes, senón tamén ás futuras”.
“Gustaríanos instar aos grupos de esquerda a que tomen o camiño da responsabilidade, das propostas realistas e a crítica construtiva. Ese é o camiño que levan tomando os galegos durante máis de oito anos”, remarcou Tellado.
PONENCIA ECONÓMICA E DE ADMINISTRACIÓN TERRITORAL
Durante a súa intervención en rolda de prensa, Tellado tamén fixo referencia ao vindeiro Congreso Nacional do partido, no que o PPdeG e o presidente Feijóo teñen unha participación destacada como redactores da Ponencia Económica e de Administración Territorial.
O secretario xeral avanzou que os poñentes deste documento -entre os que se encontran Javier Arenas, Alfonso Alonso, Xavier García Albiol ou José Ignacio Ceniceros- volverán encontrarse este sábado en Santiago de Compostela para explicar con máis detalle o contido do mesmo, una cita na que contarán coa presenza da vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría e aos ministros Álvaro Nadal e Fátima Báñez.
En vésperas da Conferencia de Presidentes autonómicos, Tellado considera que unha ponencia como esta cobra aínda máis importancia, porque permite ter unha folla de ruta clara e actualizada en cuestións centrais como o debate do financiamento autonómico.
“A importancia de que no seu equipo redactor estea Alberto Núñez Feijóo radica en que no propio ideario do Partido Popular estará presente a nosa máxima de que non se poden consentir privilexios entre comunidades nin criterios de reparto que non estean fundamentados nas necesidades dos cidadáns”, destacou.
Así mesmo, Tellado admitiu que a Ponencia que presentarán todos este sábado significa a consolidación do modelo que Galicia leva aplicando nas últimas lexislaturas e que está baseado no rigor como base da xestión das contas públicas, nun sistema fiscal que sosteña os servizos públicos sen lastrar a actividade económica e nun país que non cre nos privilexios dos territorios, senón nos dereitos das persoas.