Santiago, 20 de agosto de 2021- O Grupo Parlamentario Popular ven de rexistrar hoxe no Parlamento unha iniciativa encamiñada a solicitar ao Goberno de España que convoque de xeito urxente un proceso selectivo que permita cubrir as prazas de examinadores de Tráfico vacantes na Comunidade Autónoma de Galicia, para atender as graves carencias de persoal que sofren as catro Xefaturas Provinciais de Tráfico galegas.
Na Proposición non de Lei presentada tamén se solicita que mentres non se cubran as prazas vacantes non se deriven examinadores para cubrir a carencia de persoal administrativo nas oficinas das diferentes xefaturas provinciais.
Así mesmo, os populares galegos piden que se proceda de xeito inmediato a crar unha bolsa de horas extra nas catro Xefaturas Provincias de Tráfico para facer máis probas, ao igual que se fixo en época estival en anos anteriores, e aliviar o colapso e lista de agarda que hai actualmente en toda Galicia para obter o permiso de conducir.
15.000 PERSOAS E UN ANO DE ESPERA
Tal e como anuncio a viceportavoz popular Paula Prado esta iniciativa ten como obxectivo paliar as “interminables listas de agarda” para poder presentarse ao examen práctico de conducir que nalgún caso chega a alcanzar o ano de espera e que está provocando que moitas persoas perdan a posibilidade de aprobar oposicións ou de acceder a postos de traballo que piden o carné de conducir como requisito. Así mesmo, evitar o colapso que se está a producir en Galicia que impide examinarse a máis de 15.000 persoas, segundo datos que manexan as autoescolas da nosa Comunidade Autónoma.
A iniciativa popular fai referencia a que “Galicia volve a ser discriminada polo Goberno do Estado” nesta ocasión referido as plantillas de examinadores de tráfico xa que das 95 prazas convocadas (35 interinos por Resolución de 18 de marzo de 2021 cuxo nomeamento e asignación de destinos produciuse o pasado 14 de xullo, e 60 prazas por Resolución do 19 de abril de 2021) para repartir entre as diferentes xefaturas provinciais de España “que máis o poidan necesitar” Galicia non será destino de ningunha das mesmas.
Os populares galegos recordan que o carné de conducir é hoxe en día unha ferramenta importante de traballo, mobilidade e independencia. “É requerido en moitas ofertas de traballo e na situación actual o sector loxístico e do transporte é un dos motores da creación de emprego e o carné incrementa as oportunidades de acceso aos traballos”.
Ademais, engaden na iniciativa, en Galicia “se queremos fixar poboación no entorno rural e tendo en conta a dispersión poboacional, resulta imprescindible favorecer o acceso ao carné para facilitar os desprazamentos diarios, non só ao posto de traballo senón ao centro de estudos, ao centro de saúde ou simplemente a actividades de lecer”.
O carné tamén aporta liberdade de movemento para non ter que dependen de terceiras persoas ou horarios dos servizos de transporte e, nese sentido, recordan os populares galegos que a Xunta de Galicia, co obxectivo de mellorar a autonomía, mobilidade e inserción laboral da xuventude, ven de publicar unha liña de axudas, no marco do Plan Estratéxico de Xuventude 2021, para pagar o custe do permiso de conducir tipo B ou C por importe de 400 e 600 euros respectivamente, publicada no DOG do 13 de agosto.