O PPdeG reafirma o seu “firme compromiso” cos autónomos “dende o inicio da súa actividade”, fronte ao Goberno de Sánchez, máis centrado en “poñer obstáculos” aos emprendedores que en ofrecerlles solucións.
Nunha reunión de traballo cunha representación de autónomos e empresarios na sede dos populares en Santiago, o coordinador de Emprego, Pablo Fernández López, puxo en valor as políticas lideradas polo PPdeG, a través de Alfonso Rueda e do Goberno galego, en relación aos traballadores autónomos. Estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o líder popular en Santiago, Borja Verea, e o vicesecretario nacional de Facenda, Juan Bravo.
Prado puxo en valor o papel “facilitador e de escoita activa” que mantén o PPdeG, a través do Goberno galego, con iniciativas para promover o emprego autónomo, mentres o Executivo central “desprotexe o sector” e “pretende xerar máis trabas, máis impostos e máis burocracia”.
Os populares destacaron o traballo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, exemplificando en programas como o de promoción do emprego autónomo para impulsar o inicio e mantemento da actividade de negocio.
No encontro, Pablo Fernández fixo referencia a que este ano a Xunta destinará máis de 42 millóns de euros aos apoios específicos ás persoas traballadoras autónomas, a través de distintas liñas que se poden pedir deste esta semana. As iniciativas abranguen desde o inicio da actividade ata a súa consolidación e mantemento, e inclúen tamén medidas de conciliación, remuda e axudas para quen desexe darse unha nova oportunidade no ecosistema emprendedor.
Na xuntanza tamén se abordou o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 15 centros espallados pola Comunidade que xa levan asesorado máis de 5.600 proxectos.
FORMAR E RETER TALENTO
No referido á formación, o coordinador popular de Emprego puxo o acento na importancia de “formar e reter o talento” na Comunidade e situou como eixo fundamental o redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar a Xunta. Un cambio estrutural orientado a configurar un sistema máis áxil, flexible e directamente conectado co mercado laboral, no que sexa a demanda real do tecido produtivo a que marque as necesidades formativas.
Baixo esta filosofía quedan enmarcadas medidas estratéxicas mencionadas na reunión de traballo, como o novo decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, así como novas ordes de formación para o emprego abertas actualmente, entre as que destaca a liña de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), dotada con 40 M€, ou os apoios do Galicia Suma Talento: formación de persoas ocupadas, cun orzamento de 10,6 M€.
APOIO AO COMERCIO LOCAL
Pola súa banda, o presidente do PP en Santiago, Borja Verea, reafirmou a aposta por unha estratexia integral de relevo xeracional e apoio ao comercio local. Así, presentou unha batería de medidas dirixidas a fortalecer o comercio local e garantir o seu futuro a través dunha ambiciosa estratexia de relevo xeracional.
“Nós apostamos por unha verdadeira estratexia de relevo xeracional que permita poñer en contacto ao propietario dun negocio co emprendedor mozo interesado en continuar esa actividade”, sinalou Verea. Esta proposta inclúe bonificacións no IBI, axudas ao traspaso e tamén a posibilidade de que o Concello alugue locais comerciais para cedelos a prezos asumibles a mozos emprendedores que queiran continuar cun negocio histórico ou iniciar unha nova actividade.
Ademais, o Partido Popular de Santiago defende impulsar axudas á formación dentro deste proceso de relevo xeracional, recuperando a figura do aprendiz como ferramenta clave para garantir a continuidade do comercio tradicional e do coñecemento acumulado durante anos.
OFICINA EXPRÉS PARA ABRIR NEGOCIOS EN SANTIAGO
Outra das propostas centrais é a creación dunha oficina exprés para negocios e comercios. “Queremos que toda persoa que queira abrir un negocio en Santiago teña un trato personalizado e prioritario, eliminando a burocracia e os retrasos que supoñen un peso engadido ás moitas cargas que xa teñen que soportar quen decide emprender”, explicou.
Verea subliñou tamén a necesidade de desenvolver programas específicos adaptados ás distintas áreas comerciais da cidade, como o Ensanche, Fontiñas e o Casco Histórico, atendendo ás particularidades e necesidades propias de cada zona. Do mesmo xeito, considerou “esencial” mellorar a iluminación e reforzar a seguridade na cidade, cuestións que están “claramente mermadas nestes momentos en Santiago”. Unha situación da que se queixan tanto veciños como comerciantes e á que, ao seu xuízo, o goberno de BNG e CA non lle está dando a importancia necesaria.
“Fronte ao desgoberno, ao despilfarro e á decepción, nós imos seguir propoñendo medidas. Sabemos e cremos que Santiago merece outro goberno”, concluíu.
O CONTRATO DO PP NACIONAL
Ademais, o vicesecretario nacional, Juan Bravo, sacou músculo do contrato cos autónomos que asina o PP nacional. Neste sentido, lembrou o decálogo incluído nos plans de Alberto Núñez Feijóo co sector. Entre as apostas, sobresae a redución de trabas a quen produce e menos impostos; máis facilidades; máis protección e máis dereitos para os emprendedores.