Santiago, 6 de novembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, trasladou esta mañá aos tres grupos da oposición unha proposta de declaración institucional, co obxectivo de que sexa aprobada e lida durante o Pleno que se celebra esta semana na que, basicamente, se apoia a vixencia da Constitución e as actuacións que os poderes do Estado están a facer para recuperar a normalidade institucional e constitucional na comunidade autónoma de Cataluña.
O texto íntegro da proposta de declaración institucional é o seguinte:
PROPOSTA DE DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN DEFENSA DA CONSTITUCIÓN, OS ESTATUTOS DE AUTONOMÍA E OS DEREITOS DOS PARLAMENTARIOS EN CATALUÑA
Diante dos graves feitos acontecidos na Comunidade Autónoma de Cataluña, desde que no Pleno do seu Parlamento dos pasados días 6, 7 e 8 de setembro, se produciran vulneracións flagrantes dos dereitos individuais de todos os deputados e deputadas da oposición parlamentaria pese ás advertencias de ilegalidade dos servizos xurídicos da Cámara e do Consello de Garantías Estatutarias de Cataluña; se violaran as normas regulamentarias do Parlamento de Cataluña e do Estatuto de Autonomía de Cataluña, en particular os artigos que esixen unha maioría cualificada para a súa reforma; e tamén se infrinxira o previsto na Constitución e no chamado “bloque de constitucionalidade”, desobedecendo (como recordaron os servizos xurídicos do Parlamento de Cataluña) os mandatos do Tribunal Constitucional; todo isto acompañado de declaracións explícitas de desacato e desobediencia ao propio Tribunal Constitucional; e dado que todo isto se fixo coa finalidade de proceder á declaración unilateral de independencia, finalmente sometida a votación no Pleno do Parlamento de Cataluña do pasado venres 27 de outubro; o Parlamento de Galicia DECLARA:
– O seu firme e inequívoco compromiso coa defensa da Constitución de 1978 e o sistema democrático e descentralizado que a nosa Norma Suprema garante, do que emanan os vixentes Estatutos de Autonomía para Cataluña, para Galicia e para as demais Comunidades Autónomas.
– O seu firme e inequívoco apoio e respaldo ás actuacións que tanto as institucións autonómicas catalás (Servizos Xurídicos do Parlamento de Cataluña, Consell de Garantías Estatutarias), como o Goberno de España, o Tribunal Constitucional, e o Poder Xudicial realizan coa finalidade de preservar o mantemento da orde constitucional en Cataluña e no resto de España.
– Particularmente, o seu firme e inequívoco apoio aos poderes executivo e lexislativo de España, que diante da grave e desleal actuación dos dirixentes cataláns protagonistas de comportamentos irresponsables conducentes á flagrante vulneración da nosa orde constitucional democrática, decidiron aplicar o artigo 155 da Constitución Española co fin de restablecer a orde constitucional e o Estado de Dereito na Comunidade Autónoma de Cataluña; e ao poder xudicial, que desde a súa independencia está a actuar, como non podería ser doutra maneira, para garantir o cumprimento da lexislación vixente.
– A súa solidariedade e apoio a todos os servidores e servidoras públicos, e a todos os cidadáns, particularmente en Cataluña, que están a actuar dentro da legalidade constitucional coa finalidade de preservala, de manter a paz social, e de impedir que culmine con éxito o intento de vulneración da orde constitucional democrática que lexitima o autogoberno das nacionalidades e rexións de España.
– A súa plena confianza en que a sociedade catalá, e a española no seu conxunto, saberán dar resposta democrática, dialogada e pacífica, e rexeitará os intentos dunha minoría de violar a Constitución democrática que todos os españois, cataláns e galegos incluídos, votamos libre e moi maioritariamente no ano de 1978.