Os populares galegos estarán representados esta fin de semana en Toledo por unha delegación de máis de medio cento de persoas encabezada polo presidente Alfonso Rueda, que exporá o proxecto “estable, unido, próximo e solvente” da Comunidade
16, setembro, 2022. A secretaria xeral do PPdeG asegurou que Galicia se mostrará como a Comunidade que está “ao carón das familias” na Interparlamentaria Popular que se celebrará esta fin de semana en Toledo. Así o expresou durante a súa comparecencia en rolda de prensa na que estivo acompañada polo deputado autonómico Moisés Rodríguez, que é o novo enlace do Grupo Popular no Parlamento co resto de Cámaras de representación.
Como sinalou, o PP está á altura do que lle piden os cidadáns e así o amosan as políticas que esta fin de semana porán en común os populares. No caso da nosa Comunidade, o partido estará representado por unha delegación de máis de medio cento de persoas —entre deputados nacionais, senadores, deputados autonómicos e outros cargos da formación— e estará encabezada polo presidente Alfonso Rueda, que mañá exporá o “proxecto estable, unido, próximo e solvente de Galicia”.
Durante a tarde do sábado, o líder do PPdeG presidirá unha mesa redonda sobre os servizos públicos, “unha materia na que a nosa Comunidade leva a dianteira”. Nese senso, Prado incidiu en que a súa formación é a das familias, tal e como se certificou de novo esta semana con novas medidas como a orde con 34,8 millóns de euros para crear ata 3.400 novas prazas en escolas infantís en colaboración cos concellos e os Bonos Activa Comercio, que mobilizarán 17 millóns de euros para impulsar as compras nos establecementos de proximidade, con descontos de ata 30 euros.
A secretaria xeral engadiu que este compromiso xa se demostrara con medidas como a educación infantil gratuíta, as taxas universitarias máis baixas de España, o desconto do 50% no transporte público, o calendario vacinal máis completo ou o aforro de 107 millóns de euros ás familias fronte á inflación no inicio do curso escolar.
Tras engadir que o deputado Jaime de Olano tamén intervirá na mañá do sábado nunha mesa sobre os retos económicos e que, xa o domingo, o vicesecretario de Organización do PP, Miguel Tellado, e o presidente de Novas Xeracións, Adrián Pardo, falarán sobre a política da España que vén; Prado manifestou que os populares galegos agardan “servir de exemplo para o resto de autonomías, á vez que escoitamos as súas iniciativas”. “Estamos seguros de que será un fin de semana proveitoso e que Galicia mostrará que está á altura”, subliñou.
FORMOSO, UN “MAL GALEGO”
Por outra banda, referiuse á actitude do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, “ao que xa lle deberon dar o carné de bo europeo”, pero que é, á vez, “un mal galego que viaxa a Estrasburgo única e exclusivamente para falar mal de Galicia”.
“Hoxe xa vemos o resultado: reúnese co Comisario de Pesca para tratar o veto á pesca de fondo e, ao día seguinte, Europa confirma o veto á pesca de fondo galega”, lamentou mentres precisaba que a Xunta si está traballando xa para reverter esta situación: “O que nos queda claro que todo o que toca o Partido Socialista de Galicia, sexa aquí, en Madrid ou en Estrasburgo, nunca acaba ben”.
O “MEDO” DO GOBERNO DE SÁNCHEZ
Igualmente, a número dous do PPdeG referiuse á falta de rumbo do Executivo central e do PSOE, resaltando que “o Goberno de Sánchez e o Partido Socialista teñen moito medo”.
Máis polo miúdo, explicou que o PSOE teme ao proxecto de Alberto Núñez Feijóo, polo que envía a un “ministro de garda do insulto” a Galicia por semana cando “antes non existiamos no seu mapa”; e a unha nova debacle electoral, mentres Valentín González Formoso marcha de viaxe por Europa para criticar a Alfonso Rueda e á nosa Comunidade. Así mesmo, criticou que o Executivo central transmita esa sensación aos cidadáns por culpa dunha “política de veleta”, algo que definiu como “o peor que pode ocorrer”.
Sobre isto, tamén recordou o medo que os socialistas tiveron durante a pandemia, “pero que nunca transformaron en interlocución coas Comunidades Autónomas”; ao que senten pola situación económica actual, “que canalizaron facéndoa aínda máis grave”; e a non saber que facer cos fondos europeos, “que significa que sexamos o Estado que menos executa de Europa”.
“Pídolle a Sánchez e ao Goberno do Partido Socialista que, se senten medo, escoiten dunha vez as propostas e os consellos dos que xa xestionaron situacións complicadas”, remarcou.
Pola súa parte, Moisés Rodríguez puxo en valor o “traballo extraordinario” dos dez deputados e trece senadores do PPdeG nas Cortes Xerais. “Ante os ataques do Goberno central, temos que defender a nosa Comunidade con propostas fronte aos derrubamentos e con proxectos fronte aos insultos”, sentenciou.