24 de marzo de 2023. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que as eleccións do 28 de maio serán “a verdadeira e máis importante moción de censura a Pedro Sánchez”. Uns comicios que cualificou ademais como “a oportunidade para que os galegos e as galegas marquen o camiño de saída ao Goberno e poidan dicir si ao Partido Popular e ás súas políticas de estabilidade, solvencia e experiencia”.
Nunha rolda de prensa na sede autonómica, a número dous dos populares galegos afirmou que o acontecido esta semana no Congreso dos Deputados só serviu “para que Yolanda Díaz presumira de respectar a Alfonso Rueda como presidente de Galicia cando en realidade é unha galega non practicante que en nada beneficia aos seus paisanos desde o seu cargo de vicepresidenta” e para que “ata Ramón Tamames recoñecera que o separatismo do BNG carece de sentido”.
No que respecta a Pedro Sánchez, Paula Prado engadiu que as súas “homilías” constataron unha vez máis que “Galicia non lle importa nada e só se acorda dos galegos cada vez que hai eleccións”. De aí que apuntase que o 28 de maio “cada voto ao PSOE será un voto a favor de Pedro Sánchez e das súas políticas”.
Neste sentido, remarcou que votar ao PSOE é votar a favor da “chapuza da Lei do só si é si e de rebaixar a pena en máis de 80 anos a 50 delincuentes sexuais en Galicia”, así como votar a favor tamén de “seguir mantendo desconectada a nosa Comunidade”. Sobre isto último, afeou ao Executivo as incertezas na reconstrución dos viadutos da A-6, o retraso na chegada da Alta Velocidade ás cidades galegas, a falta de investimentos no Corredor Atlántico e “o bloqueo do PSOE á transferencia da AP-9”.
“Votar ao PSOE DE Sánchez será igualmente votar a favor de premiar a corrupción política rebaixando as penas do delito de malversación e gardando silencio sobre o indulto ao funcionario socialista que enchufou no Concello de Vigo á cuñada de Carmela Silva, premiada á súa vez co cargo de presidenta do PSdeG”, afirmou antes de concluír que o socialismo galego “antepón os seus intereses partidista e os intereses de Pedro Sánchez fronte aos intereses dos galegos”.
“VOTAR AO PSOE É TAMÉN VOTAR AO BNG”
Paula Prado considera que votar ao PSOE é votar ao BNG na medida en que “sempre que o PP non obteña maioría absoluta, non dubidarán en facer un pacto de perdedores”.
Recordando ademais que “se Pedro Sánchez está no poder é grazas ao apoio dun BNG que deu o seu respaldo á rebaixa de condenas da Lei do só si é si, que reivindica en Galicia unha cousa e vota o contrario en Madrid, e que en Europa antepón as políticas de ecoloxismo radical dos Verdes aos intereses do sector primario galego”, explicou.
UN FUTURO ENTRE TODOS
Paula Prado anunciou tamén que mañá estará no acto que o PPdeG celebrará na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, para presentar aos candidatos máis novos ás eleccións municipais nas catro provincias galegas, cunha idade de entre os 22 e os 30 anos.
“Uns candidatos que, estou segura, nos darán moitas alegrías o vindeiro 28 de maio e que demostrarán que a xuventude tamén é sinónimo de estabilidade, de solvencia e de experiencia. Son o futuro do PPdeG e a partir do 28 de maio serán o futuro de Galicia”, explicou.
O acto estará presidido polo presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, e contará coa participación tamén da propia secretaria xeral do PPdeG, así como do presidente de Novas Xeracións de Galicia, Adrián Pardo.
Celebrarase tres mesas redondas moderadas pola coordinadora xeral de Novas Xeracións de Galicia, Eugenia Vizcaíno, e nas que intervirán os once candidatos: Lara Meneses (Tomiño, 1996), Manuel Fernández (Baños de Molgas, 1992), José Rodríguez (Ribas de Sil, 1999), Luis Insua (Fisterra, 1992), Nacho Campo (Maside, 1997), Miguel Gallego (Samos, 1998), Fernando Couce (Cabanas, 1992), Carlos Rodríguez (O Rosal, 1993), Nicole Grueira (Pol, 2001), Iván Caamaño (Catoira, 1996) e Marco Carballal (Montederramo, 1999).