A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, asegurou hoxe nunha rolda de prensa na sede autonómica do partido que a Lei do ‘só si é si’ é unha “chapuza lexislativa” que está deixando “desprotexidas ás mulleres e soas as vítimas”. De aí que os populares galegos pidan a dimisión da ministra de Igualdade, Irene Montero, da ministra de Xustiza, Pilar Llop; así como a reprobación de todo o Consello de Ministros por considerar que “Sánchez e todos e cada un dos seus ministros son responsables desta chapuza lexislativa”.
Prado considera “vergoñento” que o Goberno central “se dedique a buscar culpables en lugar de asumir o seu erro” e que “se chegue ao extremo de acusar aos xuíces de machismo por aplicar unha lei que eles mesmos aprobaron”. Apuntando ademais que tanto os xuristas como o Partido Popular – entre outros, a deputada galega Marta González – advertiran desde o inicio da tramitación desta norma das consecuencias que podería ter esta lei se se aprobaba nestes termos: “Por desgraza para as mulleres e para as vítimas, os nosos peores presaxios cumpríronse”.
Recordou ademais que o BNG foi un dos partidos que defenderon e votaron a favor desta norma no Congreso a través do seu único deputado, Néstor Rego. Por iso considera que “deben asumir o erro de ter apoiado esta lei que deixa abandonadas ás mulleres de agresións sexuais”.
“A pesar de que xa estamos acostumados ás políticas dun Goberno central que non é o da xente, senón contra a xente, estou absolutamente sorprendida da deriva que tomou nos últimos días”, asegurou a secretaria xeral do PPdeG antes de citar como exemplo o feito de que Pedro Sánchez confirmase que “está ao carón do independentismo catalán e non da Constitución”, facendo referencia así á modificación do Código Penal para rebaixar o delito de sedición. “Na súa orde de prioridades a sedición está por riba da protección ás mulleres”, concluíu.
“A VERDADEIRA PEAXE É O GOBERNO DE SÁNCHEZ”
A continuación centrou as súas críticas no “ataque a Galicia e ao peto dos galegos” que supón a “histórica” suba das peaxes estatais. Unha medida que, segundo Paula Prado, trataríase dunha “decisión política sen pés nin cabeza” e suporía “se o Goberno central non o remedia” unha suba do 8% no caso da AP-53 e do 9% na AP-9.
Reprochou ademais aos catro alcaldes socialistas das cidades do Eixo Atlántico que non conseguiran que Sánchez conxelara o custo das peaxes e asegurou que este é o “verdadeiro prezo de confiar no PSOE”. Concluíndo neste sentido que “a verdadeira peaxe que ten que pagar Galicia é o Goberno de Pedro Sánchez”.
“Desde o Partido Popular preguntámonos por que o Goberno central non preveu nos Presupostos Xerais do Estado de 2023 o impacto da suba das peaxes no peto das familias e na competitividade das empresas como si preveu a Xunta”, cuestionou a secretaria xeral do PPdeG á hora de poñer en valor a conxelación das peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica en 2023 aprobada polo Goberno galego.
De aí que os populares galegos vaian pedir ao Goberno central que adopte “medidas encamiñadas a limitar as subas das peaxes nas estradas estatais”. Farano a través dunha moción nos plenos municipais e nas deputacións provinciais e levarán tamén a petición ao Parlamento de Galicia e ás Cortes Xerais.
“Agardamos tamén que o BNG sexa responsable e non vote a favor duns Presupostos nos que se consuma este novo golpe ao peto dos galegos e das galegas”, engadiu a secretaria xeral do PPdeG.
HOMENAXE A MANUEL FRAGA NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO
Paula Prado aproveitou a súa comparecencia para anunciar tamén que o vindeiro mércores, 23 de novembro, os populares galegos renderán homenaxe a Manuel Fraga no día que cumpriría 100 anos.
“Don Manuel Fraga merece a nosa honra porque grazas a el, en gran parte, o Partido Popular de Galicia está hoxe onde está, liderando a Comunidade galega cun apoio maioritario desde hai 13 anos”, engadiu neste sentido.
Será unha homenaxe na súa vila natal, Vilalba, a través da cal desde o PPdeG queren “reivindicar a figura do fundador do Partido Popular e dun dos pais da Constitución española”.