Santiago, 18 de novembro de 2018.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que a tramitación dos presupostos de Galicia “poñen en evidencia a falta de orzamentos no Estado”, salientando o feito de que comunidades como a galega “levan as contas no seu prazo, o que lle da estabilidade e certidume a unha economía que está medrando máis que a española”.
Así mesmo, amosouse disposto a estudar unha reforma do regulamento do Parlamento galego “se o PSOE quere que os temas que están subiúdice non se podan investigar en sede parlamentaria”.
Respecto da tramitación dos orzamentos da Xunta para 2019, que mañá se debaten na súa totalidade no Parlamento galego, o portavoz popular manifestou que as contas “son a translación da vontade política á práctica do gasto de cada ano”. Os presupostos “abren un debate amplo sobre como se pode ir mellorando a economía galega”, polo que sinalou que “é difícil ver que haxa acordos entre goberno e oposición”.
A preguntas nunha entrevista na Cadena SER sobre a creación da comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño, Pedro Puy lembrou que foi unha proposta dos grupos de En Marea e do BNG, á que o Grupo Popular se abstivo, “para que os 400 feridos e as súas familias teñan unha explicación e logo de que o alcalde de Vigo non só non quixera investigar formalmente a cuestión a nivel municipal, senón que se negara a dar a máis mínima explicación”.
SEN EXPLICACIÓNS A NIVEL LOCAL
“Nós teríamos votado en contra porque a nosa liña xeral de actuación é que se unha cuestión está subiúdice entendemos que o Parlamento debería esperar, pero neste caso non se deu a máis mínima explicación no ámbito local, que era o lugar máis adecuado para isto”, sinalou.
Neste sentido, sinalou que “ningún grupo da oposición ten proposto unha reforma do regulamento do Parlamento para excluír que se investigue en sede parlamentaria cando hai un tema subiúdice”, unha proposta que considerou “interesante para analizar” e que “veríamos con bos ollos” se se chega a formular.
Cuestionado respecto da postura do Grupo Popular sobre a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego sobre o accidente do Alvia, Pedro Puy sinalou que neste caso “todas as competencias, agás as que foron de auxilio aos feridos, sobre o que o Goberno galego compareceu inmediatamente no Parlamento galego, eran do Estado”, polo que apuntou que “de facerse unha comisión de investigación parlamentaria sería no Congreso, que é onde finalmente se está levando a cabo”.
PROPOSTAS INASUMIBLES DA OPOSICIÓN
Sobre a comisión de investigación da sanidade galega, Puy recordou que “o que a oposición quere investigar é si a evolución do gasto tivo unha incidencia na xestión sanitaria”. “Chama a atención que, sendo ese o obxectivo que a oposición propón, sexa o Grupo Popular o único que pida expertos tanto da Xunta como do Consello de Contas ou profesionais da economía sanitaria que veñan a explicarnos cal foi a evolución do gasto sanitario, porque se poden ver as cifras totais para comprobar se hai máis ou menos gasto, pero tamén os resultados da xestión, porque moitas veces o aforro non ten que ver cos recortes senón cunha boa xestión, como aconteceu co abaratamento dos fármacos a través da introdución dos xenéricos de forma máis intensiva”, explicou.
“A oposición decidiu unilateralmente abandonar a comisión de investigación logo de que a maioría lle fixera unha oferta na que máis da metade dos comparecentes eran a iniciativa da oposición, ademais de que iamos ter a comisión de investigación con máis comparecentes da historia do Parlamento galego”, sinalou.
Así mesmo, apuntou que “estamos dispostos a colaborar coa oposición para que faga o seu traballo parlamentario, pero non queremos facerlle o xogo de abrir en canal de forma indefinida a xestión sanitaria presentando propostas que son inasumibles en calquera cámara dirixidas a alongar indefinidamente a comisión de investigación e non chegar a conclusións”.