9 de xaneiro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe por “seguir traballando polos temas que importan” aos galegos neste novo período de sesións, “desde un debate racional e ordenado, baseado no respecto, no contraste de ideas e políticas, fundamental para a convivencia e o progreso económico”.
En concreto, Puy referiuse á ampliación da rebaixa do IVE aos produtos do mar, a carne ou as conservas; á distribución dos fondos europeos para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos para Galicia; ou á mellora da sanidade, coa incorporación de 5.500 novos profesionais ao Sergas.
Pedro Puy comezou a súa intervención lembrando que o vindeiro mes de maio terán lugar as eleccións municipais, nas que varios deputados do Grupo Popular serán candidatos ás alcaldías de cidades como Lugo, Santiago ou Ferrol, así como noutros concellos como San Cibrao das Viñas, Carballo, Vilalba, Forcarei, Caldas de Reis, Ribadeo ou Monfero.
“Confiamos que esta sucesión de procesos electorais, coa celebración no mes de maio das eleccións municipais e antes de que remate o 2023 das eleccións xerais, non afecten ao desenvolvemento do traballo dos poderes públicos, nun momento transcendental no que, xunto á loita contra a inflación, temos que garantir o investimento para a modernización do tecido produtivo”, indicou.
DEFLACTACIÓN IRPF
O portavoz popular amosou a necesidade de seguir impulsando medidas como a rebaixa do IVE aos produtos básicos, “que se debería ampliar aos produtos do mar, da carne e das conservas”. Neste sentido, lembrou que esta medida “xa fora proposta polo Partido Popular hai varios meses”, do mesmo xeito que a deflactación do IRPF, que o Goberno de Pedro Sánchez impediu o seu debate nas Cortes pero que, do mesmo xeito que Galicia, estano a implantar outras comunidades autónomas gobernadas polos socialistas.
“Estamos a falar dunha medida fundamental para aliviar a suba de prezos nas familias que teñen uns ingresos máis baixos, permitíndolles non perder poder adquisitivo, xa que é unha medida máis redistributiva que o reparto de cheques con carácter xeral”, dixo.
Pedro Puy lembrou que a distribución dos fondos europeos “vai ser clave para o futuro do país e de Galicia”. Neste sentido, lamentou o baixo nivel de execución destes fondos que presenta España, que levou ao Goberno de Pedro Sánchez a pedir prórrogas para o seu reparto. “Preocúpanos como fóra dos concursos que se están a facer nos diversos ámbitos, o Goberno central está a asinar acordos específicos con empresas que compiten con industrias galegas, o que non nos parece correcto xa que pon nunha situación moito máis favorable ás beneficiarias”, sinalou.
PREOCUPACIÓNS
Máis en concreto, o portavoz popular manifestou a “fonda preocupación porque o proxecto de Altri en Palas de Rei non ten un ERTE ao que poder solicitar axudas europeas, facendo perigar unha iniciativa empresarial esencial para o desenvolvemento simultáneo do sector forestal e textil, ao tempo que para a xeración de emprego”. Ademais, amosouse preocupado porque “Galicia quede excluída na rede europea de gasodutos polos que circulará o hidróxeno verde, unha vez que esta comunidade vai ver incrementada a súa produción cos proxectos existentes”.
Outro dos ámbitos nos que o Grupo Popular incidirá no seu traballo parlamentario é o sanitario, “no que a Xunta está a facer todos os esforzo posibles para solventar a falta de profesionais existente, non só a nivel galego senón tamén a nivel nacional e, incluso, europeo”. Así, lembrou que o Diario Oficial de Galicia publicou a pasada semana a convocatoria de máis de 5.500 prazas de acceso ao Sergas, das que máis de 2.000 son de enfermería, 192 de médicos de familia, 498 de facultativos especialistas e 32 para médicos de urxencias, entre outras.