Santiago, 30 de agosto de 2021- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, destacou hoxe en rolda de prensa o balance satisfactorio da apertura do curso político do PPdeG e do PP onte na carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade, onde se constatou que Galicia, en relación a situación única que estamos a vivir, está aguantando ben, o que está permitindo saír no eido sanitario, económico e social mellor que o resto das comunidades autónomas.
O voceiro popular indicou que así o están sinalando informes como o da Fundación BBVA, que salienta que en termos de PIB per cápita Galicia é a segunda CCAA que máis medrou nos últimos dous anos, “para a nosa satisfacción e confirma o que se ven a constatar por todas as vías”.
Pedro Puy sinalou que no acto do PPdeG e o PP nacional se falou das prioridades para os próximos meses “que facemos propias no traballo parlamentario” que vai a estar marcado polo Debate do Estado da Autonomía, a un ano de celebrarse as eleccións autonómicas, e a aprobación das contas, unha vez aprobado o teito de gasto no pleno extraordinario de agosto.
“Un teito de gasto realista e que aproveita unha situación de mellor sostenibilidade das contas públicas autonómicas, como consecuencia da xestión feita nos últimos anos, algo que tamén confirma o informe do BBVA, o que permite máis marxe de maniobra e que se dea continuidade ao gasto preciso para combatir a pandemia e vai permitir, confiamos que co apoio dos Fondos Europeos, unha transformación da economía galega no ámbito da dixitalización, medioambiental, de formación para o emprego, etc” sinalou o voceiro popular.
INICIATIVAS PARLAMENTARIAS
O Grupo Popular, sinalou Pedro Puy, continúa a rexistrar iniciativas relacionadas, entre outros, coa execución do previsto no Plan de Reactivación aprobado pola Cámara e cuestións específicas as que considera que se ten que dar resposta no ámbito parlamentario. Así, por exemplo, nomeou a petición da convocatoria do MIR extraordinario para paliar os problemas da sanidade, que persistirán de non atopar solucións rápidas como a de formar urxentemente a máis profesionais, especialmente de médicos de familia e pediatras.
Tamén destacou as iniciativas recentes referidas ao baleirado dos encoros que dependen da Confederación do Miño-Sil, de competencia estatal, que pode xerar problemas no caso dun período de seca; iniciativas para evitar que o rural galego quede excluído da tecnoloxía do 5G; e peticións de medidas estruturais en relación ao prezo da luz, que hoxe unha vez máis marca o seu máximo histórico, fundamentalmente pola forma de levar a transición enerxética e a falta de apoio público, que existe xa noutros países, con consecuencias moi negativas para as familias e o tecido produtivo.
CAPACIDADE DE DIÁLOGO
Cuestionado pola situación que está atravesando a oposición en Galicia, o voceiro popular indicou que “nós non estamos reflexionando sobre o noso futuro persoal senón polo futuro do pais nun momento no que convén que todos reflexionemos sobre o futuro de Galicia, unha vez que imos superando a pandemia, e desexamos que todas as forzar políticas fagan o mesmo”.
“Seguiremos intentando chegar a pactos, como fixemos sempre, en todos os ámbitos e confiamos que os partidos da oposición sexan quen de atopar unha solución que lles dea forza para poder negociar, porque cando están inmersos en procesos internos conflitivos teñen menos predisposición a eses pactos” indicou Pedro Puy.
“A nosa folla de ruta está clara, seguiremos intentando afrontar a pandemia sanitaria da mellor forma posible, reactivar a economía e mellorar os servizos públicos e sería bo para o país que a oposición tivera forza suficiente para poder pactar algúns aspectos da mesma” finalizou o voceiro popular.