Santiago, 4 de xuño de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, expresou hoxe o obxectivo de “manter a tendencia anual de creación de 20.000 postos de traballo en Galicia en anos vindeiros” e apuntou que “o que interesa agora é que ese emprego se vaia consolidando, que sexa a tempo completo e que sexa de calidade para ir recuperando en liñas xerais o poder adquisitivo da parte salarial”.
Nunha entrevista en Radio Nacional, Puy lembrou que “levamos máis de tres anos reducindo o desemprego a unhas taxas significativas”. Neste sentido, apuntou que “imos nunha liña boa e o ciclo é longo” polo que “confiamos que esa redución se prolongue no verán e despois do verán se manteña a tendencia anual ao descenso de desemprego”.
GALICIA, BEN TRATADA
Respecto dos orzamentos do Estado, salientou que Galicia “queda sendo unha das comunidades autónomas que ten máis investimento por habitante como consecuencia das grandes infraestruturas ferroviarias que están comprometidas polo Goberno”.
“Galicia está moi ben tratada este ano como consecuencia destas grandes obras e o importante é que ao longo do tempo as comunidades autónomas teñan un gasto que implique que haxa certa redistribución”, manifestou o portavoz popular. Neste sentido, lembrou que “todos os estudos académicos que coñecemos din que o gasto do Estado en infraestruturas ten unha forte compoñente redistributiva e Galicia conta con infraestruturas que outras comunidades con máis rendas aínda non teñen, como o AVE ou aeroportos recién remodelados”.
Ademais, Puy explicou que “o peso de Galicia nos orzamentos non se manifesta na negociación con outros grupos parlamentarios, senón no documento orixinario que xa deixa á Comunidade galega en bo lugar” ao recibir arredor do 11 por cento do investimento total.
ACORDOS CO PSOE
Durante a entrevista, Pedro Puy tamén falou da Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia e reiterou que “para nós o fundamental é que non haxa dúbida sobre como se tomaron as decisións e que foi o que causou o accidente”. “Nese sentido creemos que o ámbito técnico e xudicial poden arroxar máis luz do que é o ámbito meramente político, o que non quere dicir que no seu momento, á luz destes informes técnicos e da actuación xudicial, se poda chegar a algunha conclusión de responsabilidade política”.
Cuestionado sobre a situación actual do PSOE en Galicia, considerou “normal que se opoña a algunhas das decisións do goberno, pero o importante é que se manteña dentro das institucións e non se pase a outros movementos de carácter máis populista que estamos vendo en España e Europa, que non teñen unha idea clara de cara a onde queren ir pero si de que queren destruír o sistema institucional que nos dimos”.
“Nós contamos con que o Partido Socialista siga sendo capaz de chegar a acordos co Partido Popular para mellorar o entramado institucional e que non se pase a esas formacións políticas que prefiren unha mutación total do sistema”, engadiu.
Por último, Puy subliñou que “o PP está respondendo axeitadamente ás novas demandas dunha sociedade inmersa nunha transformación da Unión Europea e sometida aos novos retos que implica a globalización”, e no ámbito da corrupción apuntou que “o número de normas e decisións que adoptamos, que posiblemente haxa que completar no futuro, están permitindo unha actuación xudicial clara e que as cousas que ocorreron anos atrás non se volvan repetir”.