19 de decembro de 2022. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2023, que mañá serán aprobados polo Pleno do Parlamento galego, “contribuirán a facer que na situación actual, na que o máis significativo é a perda de poder adquisitivo que xera a inflación, a cidadanía teña un maior apoio por parte do sector público autonómico”.
Pedro Puy lembrou que “estamos ante os orzamentos da Xunta máis altos da historia: 12.620 millóns de euros, dos que 9.300 millóns se centran en gasto social, 700 millóns máis que no 2022”. En concreto, destinaranse 4.967 millóns de euros á sanidade pública, 2.795 millóns ao ensino público, 1.164 millóns a políticas sociais, e 443 para o emprego. Desta forma, tres de cada catro euros do orzamento para 2023 irán destinados a sanidade, educación, políticas sociais e emprego.
AFORRO DE 600 MILLÓNS DE EUROS
Ademais deste importante atención social, o portavoz popular destacou as rebaixas fiscais que incorporan estes orzamentos da Xunta, uns beneficios que cos que os galegos se aforrarán cerca de 600 millóns de euros. Así, está previsto que se deflacte o imposto sobre a renda, con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022, nos tres primeiros tramos do IRPF, co que se beneficia a todos os contribuíntes e de maneira especial ás rendas medias e baixas. Tamén se rebaixará, por cuarta vez en nove anos, o IRPF pasando de 9,4 ao 9 por cento o tramo autonómico máis baixo para as rendas máis modestas.
Por outra banda, tamén se equiparan a efectos fiscais as familias con dous fillos ás familias numerosas cunha dedución de 250 euros no IRPF, e duplícase a dedución para as familias de tres fillos para beneficiar a máis de 187.000 familias. A partir de tres fillos, increméntase a dedución en 250 euros adicionais por cada fillo a maiores.
“En definitiva, estamos diante duns orzamentos que, ademais de ter unha forte compoñente de crecemento, están destinados a beneficiar ás familias de menor renda e con maiores problemas, dándolles servizos públicos máis baratos”, manifestou o portavoz popular.
Pedro Puy engadiu que no Pleno ordinario procederase á aprobación do proxecto de Lei de de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público en Galicia, cuxo obxectivo é reducir a taxa de interinidade por baixo do 8 por cento e facelo atendendo ao marco legal europeo, aclarando as eivas e imprecisións da lexislación estatal. “Trátase de atender unha reivindicación dos funcionarios eventuais, que demandan estabilidade profesional, e a obriga legal e a obriga legal de desenvolver este proceso de estabilización atendendo aos principios de igualdade, mérito e capacidade”, indicou.
GALICIA CUBRE A TOTALIDADE DAS PRAZAS EN SANIDADE
Por último, o portavoz popular referiuse ao Consello Interterritorial de sanidade que hoxe se celebra en Mérida, no que “sorprendentemente se inclúen moitos temas na orde do día pero o único que non está é o que constitúe o maior problema da sanidade pública en toda España: as medidas necesarias para paliar o déficit de especialistas médicos, particularmente no ámbito da medicina familiar e pediátrica”.
Pedro Puy lembrou que “Galicia, xunto con outras comunidades españolas de todas as cores políticas, pediron que se incorporara esta medida porque hai un acordo adoptado en 2018 para a revisión dos requisitos de acreditación dos centros e unidades docentes nas especialidades de medicina familiar e pediatría, así como a flexibilización dos procesos para incentivar a provisión de prazas de difícil cobertura”.
“Non podemos máis que lamentar que un problema que afecta a todas as comunidades e require medidas no ámbito español non se poida avanzar”, dixo o portavoz popular, quen salientou que a Xunta “está a facer todo o que está na súa man e aumentou máis dun 80 por cento as prazas de formación especializada que convoca, pasando de 340 a 617 neste ano”. Este incremento tradúcese nunha partida de 69 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para 2023 para o financiamento destas prazas.
“Galicia leva tres anos consecutivos cubrindo a totalidade das prazas ofertadas polo Ministerio na especialidade de medicina de familia, ao tempo que está solicitando que se amplíen aínda máis para mellorar a atención sanitaria que reciben os galegos”, afirmou o portavoz popular