Santiago, 10 de maio de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, valorou hoxe o discurso de investidura do candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, como “acaído e que garante a estabilidade política da Comunidade galega”. As súas propostas “darán continuidade a unhas políticas que nos últimos anos teñen dado bos resultados, pero que, desde a moderación e o reformismo, van recibir un novo pulo”, manifestou.
Pedro Puy salientou que a sesión celebrada hoxe no Parlamento de Galicia “da moita estabilidade institucional á Comunidade galega, derivada da aplicación das normas estatutarias, onde o Presidente da Xunta é elixido pola Cámara, presenta o seu programa de Goberno e os grupos debaten estas propostas”.
PRIORIDADES DO PAÍS
Na súa intervención, “o candidato fixou claramente as prioridades do país”, explicou o portavoz popular. Así, en primeiro lugar, destacou as medidas económicas dirixidas a potenciar o emprego e paliar os efectos da inflación, “que está a afogar a actividade económica e o consumo das familias”. “Neste contexto, baixar o IRPF vai permitir ás familias sortear a crise sen que se impulse a inflación de segunda ronda”, afirmou.
“Tamén é moi acaído apostar polos sectores innovadores nos que Galicia está comezando a ser unha potencia, como o sector aeronáutico ou o biotecnolóxico, impulsando ao mesmo tempo o potencial de industrias que, lonxe de ser maduras, teñen capacidade de adaptación para o futuro, como o téxtil, o sector agroalimentario ou o automóbil”, indicou.
OPORTUNIDADES PARA AS FAMILIAS
Pedro Puy considera que Alfonso Rueda “tamén acertou pensando nas oportunidades para as familias”. En concreto, apostando por un novo impulso á formación profesional, onde Galicia situouse “á cabeza de España en persoas matriculadas e que obteñen un traballo gracias ás reformas realizadas e ás que agora se lle quere dar un novo pulo”. Ademais, salientou a proposta de facer estables os traballos dos investigadores.
No ámbito dos servizos sociais, Puy lembrou a proposta de traer ao Parlamento a nova Lei de inclusión social e avanzar no novo modelo de residencias, así como a “proposta pioneira de facilitar puntos de atención específicos para as persoas maiores con carácter presencial en todas as oficinas da Xunta”.
“Todos coincidimos que o principal punto débil da sanidade é a atención primaria, polo que é de destacar o compromiso de contratar e formar a todos os médicos de familia que nos deixe a Administración Xeral do Estado”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, lamentou que o Goberno central “siga sen atender demandas tan lóxicas que lle fixemos desde Galicia como crear unha especialidade de urxencias ou ampliar a formación MIR”.
EMPREGO E VIVENDA PARA A XUVENTUDE
Polo que respecta á xuventude, Pedro Puy manifestou que Rueda recoñeceu que teñen dous problemas fundamentais. O primeiro é o emprego, para o que xa anunciou que Galicia manterá as taxas universitarias máis baixas de todo o Estado e daralle pulo á formación profesional como “mellor maneira de garantir a súa empregabilidade, xunto co potenciamento das habilidades técnicas”.
“Ao mesmo tempo, respecto ao problema da vivenda, fixo dous anuncios interesantes, tanto no número de vivendas sociais que pretende mobilizar como, sobre todo, na axuda que se lle dará ás persoas novas cubrindo cun aval a parte dos recursos que necesitan para adquirir unha vivenda e que os bancos non lle dan como préstamo”.
Por último, Puy salientou que o candidato manteña de cara ao futuro “unha política de man aberta e cooperación con todas as administracións, participando na gobernabilidade de España ao mesmo tempo que se impulsa a construción de Europa”. “Esa vía, moderada e reformista baseada na cooperación, non só é o que Galicia precisa, senón o que España demanda e o que Europa necesita”, rematou.