O Presidente do PPdeG asegurou que conta con todos para seguir sendo unha excepción de estabilidade, responsabilidade, unidade e sentidiño
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, animou hoxe a todos os galegos a ser esixentes porque “a esixencia será o único camiño para garantir a normalidade excepcional da que fai bandeira a Comunidade galega”, para o que asegurou que conta con todos para seguir sendo unha excepción de estabilidade, de responsabilidade, de unidade e de sentidiño.
Alfonso Rueda asegurou que o mellor referente para Galicia é a propia Galicia, pero recoñeceu que esta comunidade aínda non é perfecta, polo que anunciou que “seguiremos buscando vías para mellorar”. Neste sentido, afirmou estar convencido de que os mellores tempos para Galicia aínda non foron chegados, porque, segundo dixo, pode reforzar o seu liderado na industria téxtil, conserveira, na automoción ou no sector forestal; brillar cada vez máis en sectores emerxentes, como o aeroespacial, o biotecnolóxico ou o das TIC; avanzar na mellora do seu sistema sanitario público; ser un referente nacional en políticas de conciliación; ou atraer a moitos máis turistas.
GALICIA, O CAMIÑO A SEGUIR
Neste sentido, o presidente do PPdeG manifestou que o seu camiño a seguir chámase Galicia e culmina en tres metas: traballo, familia e futuro. Así, concretou que o seu traballo non estará completo mentres haxa un só galego que queira traballar e non poida; a súa familia será a mellor inspiración para facer cada día de Galicia o mellor lugar para formar un fogar; e os seus obxectivos estarán cumpridos se, ao remate do seu mandato, pode dicir que deixa unha comunidade mellor para os galegos do futuro.
Rueda tivo unha mención específica para a xuventude, na que asegurou que son libres aínda que non son tempos fáciles para a xente nova. Por este motivo, sinalou que o PPdeG seguirá traballando para que a xente nova teña cada vez máis e mellores oportunidades, porque con compromiso, con enerxía e con talento están a demostrar cada día que as merecen.
Na súa intervención, Alfonso Rueda amosouse “inmensamente honrado da confianza que depositastes en min para presidir o PPdeG”. Neste sentido, afirmou asumir a Presidencia do mellor partido de Galicia, cuxa traxectoria se entrelaza e se confunde coa do pobo galego.
RESPALDO DE AFILIADOS E MILITANTES
Recoñeceu que accede á Presidencia do PPdeG porque conta co respaldo dos afiliados e militantes desta formación; porque o Partido Popular de Galicia pode seguir sendo o mellor acompañante do pobo galego; e porque Galicia, agora máis que nunca, necesita o que só o PPdeG pode ofrecerlle. Deste xeito, indicou que as solucións aos problemas de Galicia non son máis socialismo, máis nacionalismo ou máis populismo, senón máis Galicia, máis España e máis Europa, con naturalidade, con normalidade e sen incompatibilidades.
Alfonso Rueda tivo palabras de agradecemento ao presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, de quen dixo que foi “o mellor mestre, o mellor referente e o mellor Presidente”. Neste punto, asegurou que Galicia non lle vai fallar e amosouse convencido de que Feijóo xamais fallará a Galicia, ao tempo que apuntou que continuar o seu traballo nesta Comunidade autónoma é unha inmensa responsabilidade e un orgullo. “Comprométome a dar o máximo de min para estar á altura do PPdeG de onte, do de hoxe e do de mañá”, sinalou.
De cara ás vindeiras eleccións municipais, o presidente do PPdeG avogou por construír un proxecto para Galicia, que é una pero tamén 313. Para iso, dixo que o Partido Popular de Galicia xógase contar con equipos que estean en plena forma para gañar despois as eleccións xerais e as autonómicas, polo que demandou seguir sendo un partido xenuinamente popular, o que significa estar en cada barrio, en cada aldea, en cada rúa e en cada praza.