“Xogámonos que haxa comunidades que teñan que renunciar a parte dos seus recursos a cambio de que outras poidan velos aumentados simplemente por apoiar ao secretario xeral do PSOE”, di
Rueda pide a Pedro Sánchez que non use o financiamento autonómico para lograr apoios a súa investidura
• Apunta que ter un Goberno estable e que cumpre é “un valor que se pode percibir e polo que paga a pena apostar”
• Afirmou que as Mareas “estarían poñendo o grito no ceo” se fose o PP o que estivera dividíndose en grupos para dispor de “máis tempo e máis cartos” no Congreso
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que o partido traballa arreo por que “a inestabilidade que algúns parecen querer perpetuar non chegue a Galicia”.
O popular lamentou que 2016 comece con sete comunidades autónomas que “non teñen sido capaces de aprobar un orzamento e sen saber quen vai gobernar o Estado”, feito que, ao seu entender, fará que se vexa “máis aínda o valor da estabilidade e de poder facer as cousas dende un Goberno que sabe a onde vai e que ten a posibilidade de executalas, como é o caso de Galicia”.
Nunha entrevista ofrecida hoxe á Radio Galega, Rueda tamén foi crítico coas actitudes e as decisións tanto de Pedro Sánchez en España como de Xosé Ramón Gómez Besteiro en Galicia, que están logrando que o PSOE sexa cada día máis irrelevante. Ademais, advertiu a Sánchez de que non sitúe o financiamento autonómico como unha materia de pacto para formar un hipotético goberno.
Así, afirmou que “isto é o que nos xogamos no debate territorial: que haxa comunidades que teñan que renunciar a parte do seu financiamento a cambio de que outras, que non teñen máis dereitos que nós, poidan velo aumentado simplemente por apoiar a Sánchez”.
MAREAS NO CONGRESO
Cuestionado acerca da pertinencia de que as Mareas teñan un grupo parlamentario propio, respondeu preguntándose que dirían estes se fosen os populares os que tiveran sido a terceira forza política e aspirasen a dividirse en grupos para dispor de máis tempo no Congreso que a primeira forza.
Rueda amosouse seguro de que de ser así “estarían poñendo o grito no ceo”, pois ademais de máis tempo tamén pretenden obter dese xeito “máis cartos”, aínda que “a xente cando os votou non o fixo para que se dividan”.
ÚLTIMO TREITO DA LEXISLATURA
O secretario xeral desexou que, despois de todos os sacrificios pedidos á xente, agora que as cousas empezan a ir mellor e a saúde das arcas autonómicas se recupera paulatinamente, durante os vindeiros meses “os galegos vexan as melloras” acadadas.
Ao entender de Rueda, medidas como a supresión do imposto de sucesións para o 99% da poboación ou a posta en funcionamento da Tarxeta Benvida para o fomento da natalidade, que entraron en vigor este mes, son o tipo de cousas que a cidadanía ten que percibir.
“Gustaríanos que a xente vexa que as cousas que dicíamos convértense agora en realidade. E que vexan nestes meses que, fronte a inestabilidade xeral que nos rodea e nos vai rodear, ter un Goberno estable que cumpre o que di e que vai cumprindo o seu programa é un valor que se pode percibir e polo que paga a pena apostar”.
AXENDA DO PARTIDO
Rueda apuntou tamén que a axenda do partido segue a ser a anunciada: celebración de congresos provinciais e, posteriormente, celebración de congreso autonómico “en todo caso antes das eleccións galegas”. Segundo Rueda, a persoa que saia como presidente dese congreso será o candidato á Xunta de Galicia.