Hoxe, nun encontro coa sociedade viguesa no que foi presentado pola candidata pola provincia de Pontevedra, Patricia García
Alfonso Rueda reivindica o seu compromiso con Vigo e anuncia a compra do cine Fraga “para poñelo a disposición dos veciños”
- Destaca que o novo instituto de Navia será o primeiro de Galicia centrado nas especificidades académicas, tecnolóxicas e de sustentabilidade
- Destaca os investimentos feitos en obras fundamentais para o desenvolvemento da cidade como a estación intermodal, así como a construción de 200 vivendas en San Paio de Navia e a reforma dos centros sanitarios da área sanitaria
- Reitera a súa disposición a contribuír á reforma das pistas de atletismo de Balaídos e a impulsar o Centro de Asociacionismo no edificio dos vellos xulgados da rúa Lalín
12 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a compra, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, do Cine Fraga de Vigo para convertelo nun espazo para “o reencontro da cidade coa creación artística e cultural” e sede permanente da Galicia Film Comission.
Nun almorzo celebrado esta mañá con representantes da sociedade viguesa, Rueda incidiu en que vai “seguir rexeitando a confrontación entre Administracións e defendendo que, se hai ganas reais de facer cousas e vontade de non obstaculizar, pódese contar coa Xunta, como se fai noutros concellos e lugares de toda Galicia”.
Afirmou que “a política da ocorrencia, de botar cousas ao aire, de buscar liortas e non facer nada, non funciona”, polo que avogou pola “xestión e por render contas” ante os cidadáns do traballo feito. Neste sentido, dixo que nestas eleccións autonómicas hai dúas opcións: “Ou unha maioría suficiente do PPdeG para pactar cos galegos e cumprir os nosos compromisos, ou un multipartito encabezado por un partido nacionalista-independentista”.
POLÍTICA PARA CREAR RIQUEZA
Na súa intervención, manifestou que “a política ten que axudar a crear riqueza para que a sociedade funcione, e para crear riqueza están os empresarios”. Así, apuntou que “a Administración ten que estar para estimular a economía, acompañala e non ser un obstáculo”, e para iso “o primeiro é o rigor económico”.
Neste sentido, salientou que “Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aprobar os orzamentos para 2024 e na que menos medrou o endebedamento nos últimos anos”, polo que “temos pulmón para facer unha serie de cousas que outros non van poder levar adiante”. De feito, asegurou non estar interesado en que a Galicia lle condonen os intereses da débeda porque “son perfectamente asumibles”, pero si en “poder dicirlle ao Goberno central onde deben investirse os cartos que hai para outras comunidades”.
Tamén en clave económica, o candidato do PPdeG lembrou que o Goberno galego vén de establecer como máximo un ano para a tramitación de todos os proxectos de máis dun millón de euros de investimento “para facilitar e atraer investimentos”.
“O INVESTIMENTO EN EÓLICA É O NOSO PETRÓLEO”
Alfonso Rueda asegurou que “aquí non nos van os plantexamentos demagóxicos como os que algúns están a facer cos proxectos de renovables, porque o investimento en eólica é o noso petróleo”. Deste xeito, avogou por “ser amigables cos que queren investir en Galicia e ofrecer unha estabilidade e un rigor nas nosas contas e na tramitación administrativa para facilitar o seu asentamento”.
O presidente do PPdeG cualificou a Saída Sur ferroviaria de Vigo como “a infraestrutura máis publicitada en papeis, máis sometida a estudos e menos real”, e amosou a súa preocupación porque “a aposta de Portugal é clara e temos que corresponder”.
“Faremos todo o posible para que o Goberno portugués manteña o seu compromiso de enganchar a súa alta velocidade coa galega”, avanzou a este respecto e botando de menos “declaracións moito máis contundentes por parte da esquerda que ten influencia no Goberno central”.
Respecto da AP-9, Alfonso Rueda afirmou que “ogallá sexa gratis” pero recordou que, mentres o Goberno galego conxelou as tarifas das autoestradas da súa titularidade, as de titularidade estatal tiveron unha suba que non rexistraran en todo o século XXI. “Se non son capaces de conter a suba das tarifas, é difícil de crer que nos veñan dicir que van ser gratuítas”, indicou.
En materia de solo industrial, lembrou que o Goberno galego fixo todo o posible para a aprobación do Plan Xeral de Vigo, que agora permitirá ampliar o polígono de Valladares, en colaboración coa Zona Franca; e o parque empresarial de Balaídos. Ao tempo que considerou necesario seguir apostando pola PLISAN.
Alfonso Rueda tamén citou os 19 millóns de euros que o Goberno autonómico investiu na construción da estación intermodal de Vigo, pero lamentou que “a día de hoxe estean sen facer os seus accesos, que era o que tiña que aportar o Concello”. Ademais, avanzou que “imos seguir apostando polo transporte metropolitano, que xa utilizan 80.000 veciños de Vigo; e as bonificacións para sectores da poboación, que xa benefician a 30.000 menores da área e que agora estenderemos aos maiores de 65 anos”.
O líder dos populares galegos demandou “falar en serio de vivenda e ser realista”, ante o que avanzou que “seguiremos promocionando a súa construción”. En concreto, explicou que en Vigo xa están licitados os contratos para construír 200 vivendas en San Paio de Navia, cun investimento próximo aos 30 millóns de euros; e despois se urbanizará o polígono 1 para que, a través da promoción privada, se poidan facer 1.600 vivendas máis: “Intentaremos seguir investindo no Casco Vello desta cidade, onde nos atopamos co inconveniente de que, a pesar de aportar o 90% dos fondos, as decisións teñen que aprobarse polo Consorcio, que xa paralizou importantes investimentos nestes últimos anos”.
SANIDADE, EDUCACIÓN E SERVIZOS SOCIAIS
Un dos apartados nos que máis énfase fixo o candidato do PPdeG foi a sanidade, lembrando “todos os disparates que se dixeron do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que hoxe é un orgullo e un referente da sanidade en Galicia”.
Citou ademais as actuacións na mellora da Atención Primaria na área de Vigo, como o novo centro de saúde de Moaña, a ampliación do de Porriño ou as reformas dos centros de saúde de Salvaterra ou Crecente. Así como o novo centro de saúde de Mos ou a construción do Centro Integral de Saúde de Olimpia Valencia en Vigo, que contará cun investimento de 14,8 millóns de euros.
Ademais, demandou “que o Concello de Vigo poña a disposición da Xunta os terreos na ETEA para que poidamos investir 12 millóns de euros na urbanización da parcela que albergará a futura residencia de maiores que construirá a Fundación Amancio Ortega”.
No que respecta á educación, Alfonso Rueda destacou que o novo instituto de Navia, no que se investirán 14 millóns de euros e levará o nome do escritor Domingo Villar, será o primeiro de Galicia centrado nas especificidades académicas, tecnolóxicas e de sustentabilidade. Insistindo ademais no impulso da FP Dual e na proposta para que todos os universitarios que aproben teñan a matrícula gratis en todos os cursos de grao.
O presidente e candidato concluíu reiterando a súa disposición para contribuír con tres millóns de euros á reforma das pistas de atletismo de Balaídos, así como a impulsar o Centro de Asociacionismo no edificio dos vellos xulgados da rúa Lalín.